A Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA, e a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, organizan para os próximos días 25 a 28 de maio a segunda edición de Compostela ECO, o Mercado Ecolóxico que se celebrará de novo na Praza Roxa de Santiago de Compostela. O evento coincide coa fin de semana das Festas da Ascensión, as máis populares da cidade e unas datas nas que milleiros de persoas visitan a capital de Galicia. Para poder participar como expositor, os interesados deberán formalizar antes das 22:00 do día 30 de abril de 2017 unha solicitude na web www.compostelaeco.com.
A mostra diríxese exclusivamente a produtos con certificación do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) ou dun organismo correspondente, se se trata de produtos de fóra da Comunidade. Participarán como expositores produtores de horta fresca sen RSI; establecementos de venda polo miúdo (tendas); ou produtores, elaboradores, transformadores ou envasadores con RSI.

Ademais da exposición comercial na Praza Roxa, Compostela ECO 2017 incluirá a segunda edición da Ruta EcoGastro, para a que se conta coa colaboración da Asociación de Hostalaría de Santiago e Comarca; e máis accións de divulgación, formación e debate sobre produción ecolóxica, alimentación e vida sa. Haberá tamén actividades lúdicas para nenos e adultos, coa intención de dinamizar as rúas e prazas do Ensanche nunhas datas de especial afluencia de visitantes; e de difundir as vantaxes do produto ecolóxico como parte dun estilo de vida saudable e respectuoso co medio natural.