Comerciantes e músicos de Compostela únense na iniciativa solidaria Músicos pola Biopsia Líquida, unha iniciativa da Fundación Santiago Centro e do Club Financiero de Santiago en apoio á campaña de captación de fondos para a investigación sobre a Biopsia Líquida do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Os establecementos do Ensanche adheridos á campaña recadarán fondos desde o día 20 de marzo ata o 1 de abril; nesta xornada, alumnos e profesores de media ducia de conservatorios e escolas composteláns sairán á rúa para contribuír á campaña con pequenos concertos.

Músicos pola Biopsia Líquida presentouse hoxe no Centro Sociocultural do Ensanche nunha rolda de prensa coa presenza de Rafael López, director do grupo Oncomet; Roberto Pereira, presidente do Club Financiero de Santiago; e José María Fernández, presidente da Fundación Santiago Centro, Área Comercial.

A iniciativa comeza o próximo luns, día 20, coa colocación de 150 huchas noutros tantos establecementos do Ensanche, nas que os clientes poderán facer a súa contribución ata o día 1 de abril. Nesta última xornada tomarán o relevo os músicos, que interpretarán un amplo número de micro concertos nas rúas e prazas do Ensanche. Participarán no acto a Escola de Altos Estudios Musicais, o Conservatorio Histórico de Santiago, o Conservatorio Colexio Manuel Peleteiro, a Escola Municipal de Música de Santiago, Estudio Escola de Música e a Escola de Música Colexio Compañía de María. A relación de actuacións e localizacións pecharase a semana que vén, aínda que se prevé a instalación dun piano de media cola na Praza Roxa e equipos de son para facilitar a actuación de diversos conxuntos e bandas.

No transcurso da rolda de prensa o director do grupo Oncomet, Rafael López, amosou o seu agradecemento aos promotores desta iniciativa así como aos comerciantes, hostaleiros e centros composteláns nos que se imparten ensinanzas musicais que participarán desinteresadamente neste evento. López subliñou a importancia da campaña de micromecenado para o estudo da biopsia líquida que, “de conseguir o éxito agardado, conseguiría mellorar a calidade e esperanza de vida de moitos doentes de cancro e situaría a Galicia na vangarda da investigación oncolóxica”.

Pola súa banda, o presidente de Santiago Centro, José María Fernández, destacou a “gran implicación do comercio do Ensanche, que reaccionou moi favorablemente. Comerciantes e hostaleiros non somos un ente abstracto que reacciona de maneira individual ou unicamente no seu beneficio, senón que sabemos unirnos para levar adiante proxectos conxuntos e para apoiar iniciativas coma esta, un avance crucial fronte ao cancro”. Fernández quixo agradecer tamén “a participación dos numerosos centros de ensino de música que temos en Santiago”. Pereira destacou, pola súa parte, a “gran participación cidadá, desde todos os ámbitos, na recadación de fondos para este proxecto, do que de ningunha maneira podiamos quedar á marxe”.

A biopsia líquida

O grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) leva a traballar máis de cinco anos neste revolucionario método de loita contra o cancro ata conseguir situar a Galicia como referente nacional e europeo no marco da medicina oncolóxica de precisión.

Esta nova e revolucionaria técnica, a biopsia líquida, permitiría adiantar o diagnóstico e tratar a enfermidade en estadíos máis temperáns seleccionando mellor os tratamentos. Moitos doentes galegos estanse xa a beneficiar das  vantaxes que ofrece esta nova técnica de loita contra o cancro no seu tratamento e éxito deste proxecto permitirían abrir novas vías de tratamento e ampliar o número de pacientes.