Máis de corenta anos contemplan a actividade de Atmósfera Centro Deportivo. Case se poderia dicir que o Ensache e a tenda naceron e medraron ao tempo. Desde a súa atalaia na rúa San Pedro de Mezonzo, Rosa Guillán pode falar moi ben dos cambios que se produciron tanto na zona coma no sector do comercio compostelán.

“Gústame estar activa, facer cousas, ver xente e non apalancarme, así que de retirarme, nin falar”, conta. O Centro Deportivo abriu a finais dos anos setenta e foi durante decenios referente para todos os deportistas de Santiago. Durante moitos anos, explica Guillán, unha parte importante da clientela eran os alumnos e pais do Colexio Manuel Peleteiro, situado xusto enfronte. Co traslado do centro ás aforas en 2009, a tenda “tivo que buscar outra estrateixa”, conta a xerente. Implicouse, por exemplo, no apoio aos equipos locais, aos que subministra roupa, calzado e complementos, colaborando con clubes de fútbol, patinaxe ou atletismo. E padel, o tenis indoor que fai furor na actualidade: “É unha actividade que ten un compoñente de relacións moi importante, e practícano homes, mulleres, adultos e nenos por igual”.

Alcanzada a cuarta década de actividade, Rosa Guillán segue defendendo o comercio de proximidade: “Aquí podes probar as prendas e, ademais, os nosos establecementos son os que están preto da xente”. Quedan, di, moitos retos por diante, como por exemplo o de dar uso ao vello edificio de Peleteiro, á sombra do que continúa o Centro Deportivo.