Hai corenta anos, o Ensanche de Compostela era moi distinto ao que hoxe coñecemos. A finais dos setenta gran parte da zona estaba aínda en construción e non se convertera na principal zona comercial e residencial da cidade. Porén, algunhas cousas si que figuraban no mesmo lugar que agora. Entre elas, a Joyería José Antonio, que cunha historia que comeza en 1977 é un dos establecementos máis veteranos da área.

“Levamos abertos máis de corenta anos, sempre no mesmo sitio”, explican desde a xoiaría, que xa entra na categoría de negocios históricos composteláns e que mantén á fronte ao seu fundador, José Antonio Alvite. Como se consegue resistir durante tanto tempo? Coas virtudes do comercio de proximidade, afirman: “Confianza, asesoramento, un trato máis persoal, exclusividade e distinción. Non só ofrecemos propostas de moda senón que tamén temos outras tendencias e infinidade de produtos personalizados”. Neste último aspecto destacan que en Joyería José Antonio “customizamos as xoias sen que perdan a súa esencia”.

“Cremos que o que máis valora a xente é que teñamos taller propio de xoiería e de reloxería”, destacan. A súa oferta comercial é ampla, “combinando moda e calidade a bo prezo e, sobre todo, con moitísima variedade: temos desde reloxos de toda a vida coma os de Lotus, Festina e Orient, entre outros, ou xoiaría en prata, ouro e brillantes”.