Aprender un idioma estranxeiro é algo que se fai mellor de xeito natural. Este é o método que implantou con éxito Kids&Us, que leva case cinco anos ensinando inglés no Ensanche de Compostela.

Kids&Us naceu no ano 2003 da man de Natalia Perarnau, unha nai emprendedora que, analizando a forma na que a súa filla aprendía inglés, decidiu desenvolver unha nova metodoloxía. No 2007 comezaron a abrir centros franquiciados baixo o nome Kids&Us School of English. Na actualidade son 435, repartidos por toda España, Andorra, Italia, Francia, Bélxica, República Checa, México, Marrocos e Xapón. Máis de 135.000 nenos e nenas aprenden con ese sistema, que empeza practicamente co primeiro aniversario.

“En Kids&Us”, explica a súa directora en Santiago, María Reynolds, “empezamos co ensino do inglés a partir dun ano de idade. A nosa diferenza é que traballamos cun método pedagóxico probado, de creación propia, baseado na aprendizaxe natural do idioma materno”. É dicir, fundaméntase nos pasos que se dan na aprendizaxe da lingua materna, pouco a pouco, porque “non hai  que tentar empezar a casa polo tellado”, destaca. A atención personalizada ás familias completa un servizo de calidade no que a comunicación xoga un papel fundamental.

O obxectivo: dominar un idioma imprescindible no mundo actual. Reynolds explica que “fala inglés é a forma máis sinxela de se comunicar cun maior número de persoas. Santiago de Compostela é unha cidade cosmopolita, na que recibimos xente de calquera parte do mundo, e o feito de saber inglés axuda”. Unha clave para quen comeza este camiño é “perder a timidez á hora de soltarse a falar por medo a se equivocar. ¡Dos erros apréndese!”, destaca.