A Fundación Santiago Centro, Área Comercial continuou coas súas accións de promoción comercial e dinamización social do Ensanche coa organización do Sábado das Flores, unha actividade dirixida tanto a nenos como a adultos para “recuperar o Ensanche para os composteláns na fin de semana, que os veciños disfruten da cidade” e que saian a tomar algo e facer compras, mentres os nenos participan en actividades lúdicas e formativas, segundo explicou José María Fernández, presidente do padroado da Fundación Santiago Centro.

Coa colaboración da concellería de Relacións Veciñais e o Centro Sociocultural do Ensanche, Santiago Centro creou un “mercado de flores e plantas e actividades para nenos ao aire libre”, un espazo “semellante aos mercados tradicionais, acompañado de obradoiros artesanais para os pequenos, coas flores como protagonistas”, afirmou Fernández.

Ademais, Santiago Centro obsequiou tanto aos participantes nas actividades como aos que se achegaron ao mercado das flores con bonos gratuítos para unha consumición “nos establecementos hostaleiros asociados”, anunciou José María Fernández.