O debuxante Santi Jiménez será o encargado de abrir o próximo día 7 os talleres familiares de arte programados por Santiago Centro para as tardes do sábado. A actividade inaugura unha programación estable que combina actividades artísticas, enmarcadas dentro da mostra Pasearte, con talleres de construcións. Con ela, o Centro Comercial Aberto do Ensanche permitirá aos pais que fagan as súas compras mentres os nenos quedan no Centro Sociocultural do Ensanche realizando actividades creativas.

Nacido en 1979, Santi Jiménez é un dos artistas máis destacados do panorama galego actual pola combinación que fai de elementos propios do debuxo e do cómic con outros tomados do cine, a publicidade e a arte dixital. En 2017 foi protagonista dunha exposición monográfica na galería Federica no era Tonta, en Compostela, e participou na decoración de escaparates do Ensanche en directo dentro das propostas de Pasearte.

No taller do sábado, Jiménez proporá aos asistentes novas maneiras de mirar os obxectos e de plasmalos nunha obra artística. O obradoiro está dirixido a nenos e maiores a partir dos 6 anos e a participación é libre e gratuíta. Impartirase no auditorio do Centro Sociocultural do Ensanche entre as 17.30 e as 20.30 horas.

Os talleres de arte, integrados na programación anual da Mostra de Arte en Escaparates Pasearte, continuarán o 28 de abril cun obradoiro a cargo da pintora Lúa Gándara que consistirá na creación dun mural colectivo. No que se refire aos talleres de construcións, terán lugar os días 14 e 21 de abril e 5, 12 e 19 de maio, e neles os rapaces aprenderán a montar xogos de pezas e a imaxinar novos deseños.

Imaxes da intervención de Santi Jiménez no escaparate de Óptica Val en Pasearte.