Máis de vinte expositores, todos eles coñecidos establecementos de Compostela e arredores, participarán este ano no salón Outlet Santiago Centro, que para esta segunda edición contará con máis espazo e máis actividades paralelas. A cita celebrarase entre os días 17 e 19 deste mes de novembro na Cidade da Cultura de Galicia.

Os establecementos involucrados son ben coñecidos na cidade e levarán ao evento primeiras marcas en moda para todos os estilos e idades, calzado, deporte, pel, estética e xoiaría. Participarán no Outlet Amancio Deportes, Ana Mancebo Centro de Estética, Atmósfera Centro Deportivo, Calzados Pachi, Calzados Piepas, Dana Moda, El Armario de Alma, Jael Joyería, La Tienda de María, Lourdes Kids, Milinchos, Mimolett, Miss Modas Gráficas Anny Clothing’s T-Shirts, Olivares Shoes&Bags, Patucos&Co, Pepe Nieto, Sarto e Tiro Libre. A elas sumaranse os stands de tres organizacións con gran presenza na cidade: Down Compostela, Asanog (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia) e Alfa-1 España (de apoio aos afectados polo Déficit de Alfa-1 Antitripsina). Ás súas actividades irán destinados parte dos beneficios do Outlet.

Entre as novidades para esta edición atópase a organización de charlas sobre moda e estilo, así como sesións personalizadas de asesoramento, con blogueiras de relevancia como María Rey (Miss Estilos) e a maquilladora e estilista Marta Arnoso.

Ademais, Santiago Centro organizará unha completa programación de actividades para público familiar. Entre elas, levarase a cabo a acción Un billón de estrelas, na que se elaborarán e se colgarán estrelas nun firmamento solidario a cambio da aportación do importe simbólico dun euro, a beneficio das tres ONGs participantes.