Santiago Centro, Área Comercial, organiza para os día 22 de maio e 12 de xuño a segunda edición do ciclo de conferencias O COMERCIO QUE VÉN, no que se analizan as tendencias, as oportunidades e os perigos para o sector nos próximos anos. Nesta edición, dous relatores de recoñecido prestixio, José Manuel Castro e Rubén Bastón, tratarán a cuestión desde o punto de vista dos consumidores, o primeiro, e das novas ferramentas tecnolóxicas, o segundo. As charlas levaranse a cabo no Centro Sociocultural e Xuvenil O Ensanche ás 20.30 horas, con entrada libre e gratuíta.
Martes 22 de maio
Novos hábitos, novos consumidores: un desaío para os minoristas
A enquisa Global Shopping Consumer Insights 2018 mostra unha imaxe complexa dos consumidores: conflitivos, segmentados e propensos ao cambio… aínda que non necesariamente do xeito que os minoristas esperan. Con este retrato robot, que oportunidades se presentan para o sector?
Con José Manuel Castro Pérez | Profesor, escritor e conferenciante. Analista de tendencias e oportunidades. Autor de La innovación comienza aquí. Enxeñeiro industrial con máis de 30 anos de experiencia profesional.
Martes 12 de xuño
Como aproveitar as oportunidades de Internet para vender máis
A Rede supuxo un cambio transcendental no xeito de buscar, traballar, gozar do lecer e mercar. Fronte a isto, podemos agocharnos e soñar con que nos impacte o menos posible… ou asumilo e tratar de aproveitar as oportunidades que nos dá para mellorar o servizo, a oferta e o alcance do negocio.
Con Rubén Bastón | Director da revista Marketing4eCommerce. Account manager e consultor da axencia Elogia. Profesor de marketing online especializado en Social Media, Inbound Marketing e estratexia dixital.