Os comercios do Ensanche de Compostela volverán lucir esta primavera pinturas, esculturas, fotografías e intervencións de Pasearte, Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago, que comezará o día 1 de abril. O Centro Comercial Aberto do Ensanche recupera deste xeito unha das súas iniciativas máis atractivas, esta vez en primavera, integrando as creacións de artistas das galerías locais Trinta, Metro, Luisa Pita e Nordés nas vidreiras dos establecementos da zona nova.
Santiago Centro abriu xa a convocatoria para que os establecementos se sumen á iniciativa, que chega en 2022 á súa IV edición, tras suspenderse nos dous últimos anos a causa da pandemia. Pasearte converterase de novo nun atractivo para veciños e visitantes durante todo o mes de abril cun programa que xira arredor da exposición en escaparates de obras artísticas de distintas disciplinas: pintura, escultura, fotografía ou vídeo creacións. Oito destas creacións serán especialmente proxectadas para a ocasión e ocuparán de forma integral o escaparate, combinando o traballo do artista coa identidade propia de cada comercio.
Ademais, o público poderá gozar de intervencións en vivo de diversos artistas nas vidreiras de dez comercios; e de obradoiros para familias e para diferentes colectivos artísticos, impartidos por profesionais destacados de diferentes disciplinas.
Entre as novidades desta edición está prevista a incorporación dunha iniciativa dedicada a dar visibilidade aos novos artistas, que crearán obras en vivo sobre dez soportes en forma de cubo distribuídos por puntos estratéxicos da contorna urbana do Ensanche.
Proxecto cooperativo
A mostra está dirixida por Javier Blanco (Galería METRO), comisario encargado da integración das obras nos escaparates, uns traballos nos que colaborarán comercios e equipo técnico da organización, garantíndose que tanto a obra como os produtos teñan o protagonismo e visibilidade que merecen. Blanco coordinará asemade a colaboración doutras tres galerías de arte compostelás, Trinta, Nordés e Luisa Pita, que participan activamente mediante a selección de obras e artistas e no deseño e execución das actividades, convertendo Pasearte nun proxecto colaborativo único e xa consolidado en Galicia.
Todos os comercios e obras participantes incluiranse nos materiais creados para a difusión do evento (páxina web, plano de visita, redes sociais). Para participar, os comercios deben dirixirse ao enderezo electrónico info@santiagocentro.gal. Coa recuperación desta iniciativa, Santiago Centro continúa coa súa aposta pola arte como elemento dinamizador do comercio da zona nova santiaguesa e, por outra banda, quere contribuír ao coñecemento e goce das novas tendencias da arte e á posta en valor do traballo dos creadores contemporáneos, en novos escenarios que contribúan á democratización da cultura. Nestes momentos segue sendo posible a visita ás obras integradas en Compostela Photo, unha exposición urbana que mostra a obra de 15 fotógrafos de primeira liña noutros tantos portóns de garaxe do Ensanche.