Santiago Centro organiza para os días 9, 10 e 11 de novembro un ciclo de sesións en liña aberto aos comerciantes no que se explicarán tres utilidades tecnolóxicas de fácil e inmediato desenvolvemento para o sector. Innovación en escaparates, venda en internet a través da web Outletsantiago.gal e Whatsapp Business serán os temas que centrarán os webinars. A inscrición xa está aberta a través do mail info@santiagocentro.gal.
O ciclo comeza o luns 9 cunha sesión sobre Nocións básicas de Whatsapp Business, a cargo da experta en comunicación e innovación comercial Elena Goyanes. Esta aplicación do popular servizo de mensaxería permite desenvolver gran parte da comunicación dun negocio de xeito doado e económico, e a través dun medio moi estendido entre os clientes.
O martes 10 de novembro o xornalista e xestor web Martiño Suárez explicará os fundamentos da venda online a través da web Outletsantiago.gal. Impulsado por Santiago Centro hai un ano, agora ábrese a produtos de temporada.
O ciclo péchase o mércores 11 cunha sesión sobre A innovación desde o escaparate coa escaparatista Almudena Giráldez. Todas as sesións serán pechadas a inscritos e accesibles pola plataforma Zoom. Para asisitir é preciso enviar un mail a info@santiagocentro.gal.
A iniciativa, enmarcada no esforzo de dixitalización e innovación que afrontan os comercios de Santiago Centro, conta co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Santiago.