Preto de corenta expositores e un cento de marcas, na súa maior parte procedentes de Galicia, participaron en maio no Mercado Compostela Eco 2017A feira abriu as súas portas na Praza Roxa ata o próximo domingo e en horario interrompido de 11 a 21 horas, e mostrou os mellores produtos ecolóxicos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, organizaron por segundo ano consecutivo o Mercado, ao que acoden produtores de horta fresca, tendas de produtos ecolóxicos e empresas que elaboran desde marmeladas a licores, pasando polas empanadas, o viño e a cervexa, derivados da castaña, carne de vacún, queixo, aceite, repostería e panadería, mel ou produtos de cosmética natural. O listado completo dos expositores participantes pode consultarse na web www.compostelaeco.com

Trátase dunha aposta pola dinamización do Ensanche nunhas datas nas que veciños e visitantes enchen as rúas para celebrar a Ascensión. En consecuencia, a feira levou aparellado un completo programa de obradoiros para nenos e maiores, conferencias e xornadas de xogo. Degustacións de alimentos ecolóxicos, presentacións de produtos e xornadas divulgativas completan a proposta.

POLBO E TAPAS ECOLÓXICAS

Locais de hostalería da rúa Ramón Cabanillas e a Praza Roxa uníronse para ofrecer un aliciente máis: no Día Grande da Ascensión instalaron en ambas localizacións cocedeiros de polbo, co ánimo de atraer a composteláns e visitantes na principal xornada das festas máis compostelás do ano. No Ensanche celebrouse, ademáis, a Ruta EcoGastro de tapas elaboradas con alimentos ecolóxicos certificados, unha iniciativa na que participaron 17 locais e na que colabora a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago. Por cada tapa obtíñase, ademais, un boleto de regalo directo con descontos no Mercado Compostela Eco.