Portóns de garaxes do Ensanche compostelán acollen a II edición do festival urbano Compostela Photo, unha iniciativa de Santiago Centro que busca dinamizar as rúas do Ensanche como área comercial e de lecer, converténdoas nun espazo expositivo singular, con capacidade de ofrecer un activo cultural e participativo a veciños e visitantes ao longo de todo o ano. Trátase dunha mostra de fotografías en gran formato que, nesta segunda edición, volve relacionarse co feito xacobeo a través da visión dun grupo seleccionado de 15 artistas visuais e fotógrafos afeccionados.
Baixo a dirección do experto en arte contemporánea Javier Blanco, a II edición de Compostela Photo reúne 15 novas imaxes que sorprenderán aos viandantes pola súa localización sobre portóns de acceso a garaxes da zona nova compostelá. Oito das obras pertencen aos artistas visuais profesionais convidados pola organización Sebas Anxo, Xulio Villarino, María Moldes, Antón Rodicio, Ariadna Silva, Jesús Chacón, Llum A. González e Edu Valiña. Os sete restantes foron seleccionados entre as obras presentadas ao primeiro concurso fotográfico Compostela Photo, encabezadas pola fotografía gañadora, obra de Marcos Boedo, acompañadas polas realizadas por Carlos Cambre, Antonio López Santos, Loly Mato, Ramón R. Nóvoa, Inés Pesado e Ramón Rivas.
Con isto cúmprense os obxectivos de converter o festival urbano nun evento participativo e aberto, que achegue diferentes olladas sobre a tradición xacobea e que contribúa a enriquecer o feito artístico e cultural compostelán. A iniciativa forma parte da liña de actuación aberta por Santiago Centro de dinamizar o comercio e a actividade empresarial do Ensanche ligando a zona coa arte de vangarda e a innovación. O festival entronca coa Mostra de Arte nos Escaparates de Santiago Centro, Pasearte, que chegou a pasada primavera á súa cuarta edición.
Compostela Photo conta coa financiación da Xunta de Galicia, no marco do programa Xacobeo 21-22, e do Concello de Santiago. Colaboran na súa organización e promoción a galería de arte Metro, a Asociación Cultural Fotoforum Compostela, e máis a empresa compostelá Limpezas Salgado.
Retratar o sentir do Ensanche
A iniciativa compleméntase cun amplo programa paralelo que se porá en marcha a partir do mes de setembro. Entre outras actividades, organizaranse saídas fotográficas polas rúas do Ensanche coas que se pretende captar o sentir do Ensanche e a vida nas rúas desta zona da cidade.
A acción procura reforzar lazos entre a comunidade e o sentido de pertenza da veciñanza ao seu barrio, a través da interacción dos participantes nas saídas cos veciños, comerciantes e profesionais da contorna, retratándoos desde unha óptica humana. Organízase en colaboración coa Asociación Cultural Fotoforum Compostela e as obras seleccionadas integraranse nunha exposición a celebrar en Santiago no mes de novembro.
Certame fotográfico aberto á participación
Santiago Centro abre tamén a convocatoria da segunda edición do certame fotográfico Compostela Photo, no que poden participar tanto fotógrafos profesionais como afeccionados. En consonancia coa temática do festival, as propostas deben estar relacionadas cos valores naturais, históricos, espirituais, culturais, artísticos ou humanos do Camiño de Santiago.
Os candidatos, maiores de 18 anos, poden enviar un máximo de tres imaxes en formato dixital, cunha resolución de 300 ppp ao correo compostelaphoto@santiagocentro.gal dende o 1º de agosto ata o 10 de novembro. No correo deberán indicar datos de contacto e incluír unha autorización asinada para a exposición e difusión das súas obras.
Un xurado de profesionais da arte e da fotografía seleccionará 20 fotografías, que pasarán a formar parte da mostra virtual que se publicará na web propia do festival www.compostelaphoto.santiagocentro.gal. Parte desta escolla tamén será reproducida nos portais dos garaxes na terceira edición de Compostela Photo.