Sucre&Firenze é unha tenda de roupa multimarca en Santiago de Compostela. No seu establecemento, situado en Rúa do Hórreo 32-34 contan coas últimas tendencias en moda. Unha conversa con Azucena sobre as novas tendencias desta primavera axúdanos a achegarnos e coñecer mellor a forma de traballar e a proximidade deste pequeno comercio do Ensanche compostelán.
Desde o punto de vista dunha tenda de moda, cales consideras que son as cores que máis se levarán esta primavera?
Eu non considero que cada tempada leve unha cor soa. Ao traballar con diferentes firmas, cada unha marca o seu propio estilo. Si que hai diferenza entre as cores de inverno e as cores de verán, xa que no verán úsanse cores moito máis vivas, por exemplo os vermellos, os amarelos ou os laranxas. As cores que lembran á natureza son os que máis levan nas épocas máis asolladas, así como as cores mostaza ou os máis rechamantes. Doutra banda, creo que máis que cores, o que destaca esta primavera son as tendencias; están os estampados, todo o que teña que ver con flores, raias, cadros vichy, o estilo mariñeiro…. É algo básico, é algo que todos visualizamos como verán cando vemos ese tipo de pezas. Considerar unha cor soa por tempada é complicadísimo.
Aínda que non levamos moito de primavera, xa dirías que hai algunha peza que vaia a arrasar esta tempada?
É difícil de responder a esta pregunta, xa que a tempada aínda está a empezar. Teño clientas que xa viñeron buscando pezas de verán, pero obviamente aínda non pasamos do frío á calor extrema, aínda se están vendendo xerseis, chubasqueros, gabardinas… prendas que aínda estamos a utilizar a día de hoxe.
Hai algunha peza da nova colección, ou en xeral, que se converteu xa na túa favorita?
Coa chegada da nova colección obviamente teño moitas pezas favoritas, quedarme cunha en concreto resúltame complicado. A min gústanme as cousas diferentes, por exemplo, temos un traxe branco que é impresionante. Podo dicir que a miña peza favorita para ter en todas as épocas do ano é un traxe, considero que é algo fundamental. Pero un traxe bo, que non teña porque ser clásico, pódeche salvar desde para ir ao traballo, coma se tes unha voda, dependendo tamén dos complementos que che poñas é perfecto para calquera evento que che poida xurdir. Logo, en concreto da tempada, teño vestidos de verán que me alucinan, estou a desexar que chegue xa a calor!. Esta tempada o que vai arrasar son as alpargatas venecianas, que van substituír á alpargata tradicional.
Cal é o complemento perfecto para un look primaveral?
Eu non son moito de complementos, pero para, por exemplo, un evento, eu prefiro que as miñas clientas aposten por un vestido, aínda que sexa máis sinxelo, e logo poñerlle un bo complemento. Por exemplo, no verán, os pendentes é algo que me gusta lucir, e canto máis grandes e máis rechamantes mellor. En ocasións, cun simple pendente ou cun bo calzado combinado cun look sinxelo é o que fai que destaque. Xogar coas cores tamén é moi importante.
Cal será o calzado que máis leve esta tempada?
Como xa comentei antes, serán as alpargatas venecianas. Son similares ás nosas alpargatas, pero a diferenza é que están feitas a man por artesáns italianos. As nosas adoitan ser de tea e estas son de veludo, e de moi boa calidade. Era o calzado que usaban os venecianos e italianos do norte para traballar. É un calzado que podemos utilizar todo o ano, excepto cando chove, pero no verán veñen en moitas cores diferentes e combinan con todo. Pódenche solucionar un look, como dixen antes eu poñeríamas perfectamente cun traxe. É un calzado que mesmo as influencers están a levar ás vodas, porque ao ser de veludo viches moito máis que calquera outro tipo de alpargata. No inverno, ou en época de entretiempo, son ideais para poñer con calcetíns ou con medias que teñan algún estampado máis rechamante.
Adaptades o voso escaparate ás diferentes tempadas?
Si, normalmente depende das pezas que van chegando e do tempo que faga. Encantaríame poñer pezas de verán canto antes pero o tempo aínda non acompaña demasiado. Adoitamos cambiar o escaparate cada sete ou doce días, porque hai moita xente que pasa pola rúa mirando escaparates e interésanos que polo menos paren a fixarse nas novidades. Pero en xeral ímonos adaptando ao que chega e ao que nos piden os nosos clientes. Se vou vendo que algunha peza do escaparate véndese substitúoa por outra, e se ese conxunto xa non me encaixa volvo cambiar o escaparate, por iso ás veces non chega nin aos sete días como che comentaba antes. Tamén hai que ter en conta que a xente quere ver, moitas veces polo que ven no escaparate é polo que entran á tenda, hai que evitar que a xente se canse de ver sempre o mesmo.
Xa se empeza a vender a roupa de baño?
Si, á xente xa non lle importa se vai frío ou calor, agora mesmo estamos cansados da roupa de inverno, entón vemos cor e o que nos apetece é comprar cousas diferentes. Hai clientas que a principio de tempada xa veñen renovar armario para todo o verán, depende un pouco do ánimo que teña cada un. Estamos nunha época rara e a vida cambiounos un pouco, e aínda que aínda non faga tempo de praia a xente xa está a pensar no verán.
Estades a vervos moi afectadas esta tempada polas consecuencias da pandemia?
Obviamente Santiago non é o que era, aínda que a xente segue comprando. Ir de compras xa non é o mesmo coa situación que estamos a vivir, pero temos que tentar normalizalo e facer sentir seguras ás persoas. As compras son unha saída para mellorar o estado de ánimo en moitas ocasións.
Onde podemos atopar as vosas propostas para esta primavera?
Tentamos poñer todo da nosa parte para estar ao dispor das nosas clientas. Atendemos a través de videochamadas, enviamos fotos, pódome probar a roupa para ensinar como queda, buscamos todas as opcións posibles. Enviamos pedidos a casa, mesmo estamos a dar a opción de abrir a tenda só con reservas, por exemplo os sábados pola tarde; podes ter a tenda para ti soa e probar todo o que necesites, coa seguridade de que logo o imos a desinfectar todo. Os nosos clientes tamén se poden poñer en contacto connosco a través de Facebook, Instagram e WhatsApp, ou poden visitar a nosa páxina web.