A carpa infantil de Santiago Centro acolleu aos pequenos de entre 3 e 12 anos, que puideron xogar e compartir con outros nenos actividades lúdicas e educativas axeitadas ás súas idades. A Fundación Santiago Centro, Área Comercial puxo en marcha esta iniciativa como “un servizo para os pais nestas datas en que os cativos disfrutan de vacacións escolares, e como elemento dinamizador do Ensanche”, segundo explicou José María Fernández, presidente do padroado desta entidade.
Santiago Centro ofreceu un espazo de 200 metros cadrados baixo a supervisión de monitores especializados, con obradoiros de traballos manuais e debuxo, xogos tradicionais, globoflexia, talleres de maquillaxe e sesións de contacontos, aula de informática e área de xogos. Voluntarios da Cruz Vermella de Santiago deron a coñecer, ademais, o labor que realiza esta entidade, as súas experiencias, pequenas nocións de primeiros auxilios e mesmo como son as súas ambulancias por dentro a través de visitas guiadas.