Reforzar a súa presenza en Internet para chegar directamente aos consumidores é un dos obxectivos principais da Fundación Santiago Centro, na súa nova estratexia de comunicación dixital. O programa inclúe un portal web xa activo; o reforzo das canles con que contaba en redes sociais, e máis a aposta por novas redes nas que non tiña presenza. Con este conxunto de accións Santiago Centro quere impulsar non só o posicionamento da Fundación e dos seus asociados en Internet senón tamén o do conxunto do Ensanche de Santiago como área de compras e ocio.

A estratexia presentouse nunha reunión cos asociados celebrada no Real Aeroclub de Santiago, na que tamén se definiron as principais liñas de traballo da entidade en 2017, que implica a realización de actividades de dinamización do Ensanche e máis do pequeno comercio practicamente todos os meses do ano.

O novo portal web da entidade, santiagocentro.gal, deseñouse co triplo obxectivo de servir de canle de comunicación para a difusión das actividades da propia Fundación; reforzar a presenza dos asociados na rede; e máis reunir nun único espazo virtual as múltiples actividades que semanalmente teñen lugar no Ensanche, “e que ata o de agora se perdían en múltiples espazos diferentes”, segundo afirma o presidente da Fundación, José Mª Fernández.  Nesta liña, a web inclúe páxinas individuais de todos os asociados; completa información sobre mobilidade na zona; referencia a todas as organizacións e asociacións domiciliadas no Ensanche; ou unha canle centrada na innovación comercial “coa que pretendemos non só informar das novidades senón tamén animar aos comerciantes a aplicalas nos seus establecementos”, engade José Mª Fernández.

A páxina poténciase cun considerable incremento da actividade en redes sociais de Santiago Centro, que ten presenza xa en Facebook, Twitter e Instagram, contas que suman máis de 6.000 seguidores. “É indubidable que Internet é o camiño para ter acceso directo ao noso público” –explica José Mª Fernández- “e que Santiago Centro debe ter unha presenza máis activa da que tiñamos”.

Á reunión asistiu un numeroso grupo de asociados, así como os integrantes do Padroado da Fundación. Ademais da estratexia dixital, os participantes analizaron a proposta de actividades de 2017, aberta á incorporación das achegas dos asociados. Á espera da definición final do programa, Santiago Centro incidirá na dinamización económica e social do Ensanche mediante a organización de varias accións de carácter gastronómico e apoio nas principais campañas de vendas. Neste sentido, e entre outras accións, celebrará a II edición do Mercado Ecolóxico e máis do Outlet Santiago Centro, accións celebradas en 2016 con un resultado positivo. Un ciclo de reunións sobre temas de innovación comercial, “O comercio que vén” é outra das propostas da entidade para 2017 analizada na reunión.