Santiago Centro proporcionará durante os próximos meses asesoría individual aos establecementos que o demanden, no marco do seu Programa de Comercio Innovador. A asesoría centrarase en acompañar aos comercios de xeito individual e continuado no seu proceso de dixitalización e mellora do seu posicionamento en Internet, clave para superar as circunstancias derivadas da pandemia polo SARS-CoV-2.
O programa pretende facilitar aos establecementos a súa incorporación ao eido dixital, abrir novas canles de relación cos clientes, mellorar o posicionamento en Internet e incorporar novas ferramentas de comunicación e venda, que faciliten o relanzamento da actividade comercial nunha contorna cambiante e marcada polas circunstancias derivadas da pandemia.
A asesoría correrá a cargo de Marta Bouza, titulada en Publicidade e Relacións Públicas e experta en marketing dixital e xestión de medios sociais. Proporcionará asesoría personalizada aos establecementos que se adhiran ao programa. A asesoría inclúe a realización inicial dunha auditoría da presenza en Internet dos establecementos e das súas canles de comunicación cos clientes. Cos datos de partida realizarase unha proposta de accións de mellora que os comerciantes poderán implementar contando co apoio técnico de Santiago Centro. Os establecementos poderán tamén demandar a asesoría de Santiago Centro para accións concretas de mellora da súa presenza dixital, ou de formación específica sobre aspectos que inflúan na súa transformación e incorporación dixital.
Trátase dun programa de longa duración que se poñerá en marcha a finais deste mes de setembro e permanecerá activo ata xuño de 2021. Ao tratarse dunha asesoría individual os establecementos poderán incorporarse en calquera momento, tan só contactando coa Xerencia de Santiago Centro. O programa desenvolverase fundamentalmente a distancia pero con reunións presenciais sempre que se considere preciso.
O Programa de Asesoramento ponse en marcha grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa FSE Galicia 2014-2020.