O Ensanche retratado é unha exposición urbana de fotografía que nace dunha acción participativa dirixida a reforzar lazos entre a comunidade e o sentido de pertenza da veciñanza ao seu barrio. As fotografías que se mostran son froito do traballo do colectivo Fotoforum Compostela, que durante unha xornada do mes de outubro de 2022, como actividade vencellada á celebración de Compostela Photo, saíron á rúa coa intención de retratar aos veciños do Ensanche compostelán. Así, fixeron partícipe a xente de todas as idades, residentes no propio barrio, visitantes, profesionais ou comerciantes. A finalidade de expoñer os seus retratos no espazo público é a de xerar a sorpresa no espectador, ao recoñecer aos seus concidadáns ou ao ver a outros por primeira vez,. No caso dos retratados, tamén supón un reto expoñerse publicamente como xesto de identidade e pertenza á comunidade.
Compostela Photo e esta acción en concreto son unha iniciativa da asociación de comerciantes da zona nova compostelá, Santiago Centro, co apoio da Xunta de Galicia, o Xacobeo, o Concello de Santiago, a Galería Metro e a asociación Fotoforum Compostela.
O Ensanche retratado é unha acción que conxuga moitos aspectos positivos dirixidos encamiñados, sobre todo, a promover a fotografía e dar a oportunidade a fotógrafos afeccionados para que poidan desenvolver o seus proxectos, a promover a participación interxeracional, a poder gozar dunha exposición na rúa coa intención de que a xente se pare e comente, e a reforzar vínculos na comunidade.
En total son 115 fotografías, co pertinente permiso das persoas retratadas, colocadas nos farois de varias rúas do Ensanche:
Xeneral Pardiñas 25
Alfredo Brañas 20
Montero Ríos 20
Doutor Teixeiro 20
República do Salvador 20
Praza Roxa 10