Santiago Centro inicia esta semana o ciclo de sesións en liña Covid-19 Comercio en Crise, que podemos esperar?, co pretende abordar o futuro máis inmediato do comercio retallista e proporcionar aos comerciantes información que lles axude a adoptar as mellores decisións posibles, nunha contorna certamente impredicible.
No ciclo abordaranse cuestións como as posibilidades que se presentan para soportar o peche e descenso da actividade comercial; os plans de reactivación económica do Concello de Santiago; como se prevé que sexa a reapertura do comercio retallista e que medidas de hixiene sanitaria é previsible que se deban adoptar, ou como se espera que mude o consumo, e en que fases.
O mércores 29 ás 18:00h. transmitirase a primeira das sesións, Con que armas contamos para poder manter os negocios ata a recuperación da actividade, coa participación de Roberto Pereira, experto asesor de empresas e presidente do Club Financeiro de Santiago. O xoves 30 cóntase coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, para a sesión En clave local: programa de reactivación económica do Concello de Santiago.
Nas dúas sesións actuará como moderador Chema Fernández, presidente de Santiago Centro.
As sesións serán abertas e retransmitiranse a través da páxina de Santiago Centro en Facebook. Organízanse en dúas partes, unha primeira de exposición breve da temática seguida doutro bloque no que se dará resposta ás preguntas dos comerciantes. As preguntas poden realizalas ben por correo electrónico nos días e horas previas ás retransmisións, ou ben en directo durante as sesións a través da páxina de Facebook.
O ciclo continuará a vindeira semana, con sesións centradas nas probables medidas de hixiene a adoptar nos comercios coa reapertura, as previsións de como se vai desenvolver a pandemia nos próximos meses, ou como se agarda que se comporten os consumidores. Para estas sesións cóntase coa participación de responsables da administración galega e máis expertos do ámbito sanitario e de marketing da Universidade de Santiago.
Covid-19 Comercio en Crise espera provocar unha reflexión conxunta do comercio retallista ante a grave crise sanitaria que estamos a padecer, que se une á incerteza polo impacto que a pandemia vai ter na economía global e local. As estimacións do FMI agoiran a España importantísimas caídas do PIB e unha forte subida do desemprego. Pero son meras estimacións porque a día de hoxe ninguén pode asegurar como se vai desenvolver a pandemia nos vindeiros meses: se imos ser capaces de controlar o virus, se vai haber novos brotes no outono, ou se imos dispoñer de tratamentos efectivos e vacina a curto ou medio prazo.