As súas liñas de moda están entre as máis cobizadas polos mozos e mozas de Compostela. Entre os rapaces, ter unhas zapatillas deportivas de Cultura Urbana é indicativo de saber ao que se anda. Ligado desde o inicio ao movemento hip hop da capital, o comercio leva xa 13 anos marcando tendencia desde a súa tenda na rúa Fernando III O Santo.

“Daquela éramos dous rapaces de 22 anos apaixonados pola cultura urbana, o hip hop, o grafitti, o skate e sobre todo as zapatillas”, conta Marcos Cardero, recordando a apertura la tenda en 2004. “Queríamos emprender montando un negocio, e ocorréusenos abrir Cultura Urbana mesturando skate e hip hop e sprais de pintura”. Agora as súas zapatillas e complementos poden verse tamén na web www.culturaurbanashop.com.

Cardero reivindica un concepto que parece pouco próximo á cultura do rap… ou non tanto: o do comercio tradicional, adaptado aos tempos. “O que nos gusta do Ensanche é a gran variedade de comercios que hai, e sobre todo o trato tremendamente persoal que podemos darlles os clientes que veñen. Aquí poden sentirse coma na súa casa, temos un comercio máis tradicional evolucionado os tempos de hoxe”. “Estamos relacionados coa cidade, isto é un círculo”, explica, “nós tamén somos consumidores en Compostela e sabemos o que iso significa”.

Tamén seguen atentos á escena hip hop santiaguesa, especialmente vibrante nos últimos tempos: “Non sabemos a quen recomendar porque en Compostela hai moitos artistas como Erin de Comando Katana, Arce, Dios Ke te Crew, Alto Asalto ou Malandrómeda”, aos que pertence este último vídeo.