Santiago Centro, Área Comercial é o Centro Comercial Aberto do Ensanche de Santiago de Compostela, a principal área económica e residencial da capital galega. Trátase dunha entidade asociativa con forma xurídica de Fundación, na que se integran establecementos comerciais, hostaleiros e máis empresas de servizos radicados na zona xeográfica do Ensanche.

O obxectivo fundamental de Santiago Centro é a dinamización comercial, económica, veciñal e social do Ensanche compostelán. O seu cumprimento concrétase a través de varias liñas de actuación, que inclúen a promoción de actividades en beneficio do comercio e do conxunto do tecido empresarial do Ensanche; actuacións de representación e defensa dos intereses dos colectivos ante as administracións e entidades con capacidade de decisión sobre a nosa área de influencia; e servir de nexo de unión entre os distintos colectivos aos que representamos.

Nos máis de 12 anos de vida de Santiago Centro, leváronse a cabo ducias de accións e actividades directamente relacionadas cos obxectivos fundacionais, sempre coa referencia de servir á nosa comunidade e ás empresas asociadas. Compleméntase coa promoción do ocio, a cultura, o deporte, as actividades en familia e a solidaridade; e sempre co obxectivo de difundir as posibilidades do Ensanche e mostralo como o que é: unha zona aberta, vibrante e activa en pleno centro de Compostela.

O Ensanche de Santiago é, de feito, unha área estratéxica para a economía da cidade, ao contar con máis de 2.000 establecementos comerciais, hostaleiros e empresas de servizos; e unha poboación que supera os 25.000 habitantes.

Santiago Centro naceu da man dun grupo de empresarios do comercio compostelán en 2002 e constituíuse formalmente en 2004, data na que foi recoñecida como Fundación de Interese Galego. Desde entón deséñanse e lévanse a cabo programacións anuais de accións e actividades de toda índole, para a promoción do Ensanche como principal espazo de ocio e lecer de Santiago de Compostela.

Na actualidade, preto dun cento de profesionais autónomos e empresas dos máis variados sectores forman parte da Fundación Santiago Centro, Área Comercial. Comercios de todos os sectores; establecementos hostaleiros e de restauración; empresas de servizos; entidades como o Real Aeroclub de Santiago ou medios de comunicación, forman parte da Fundación como colaboradores.

Ao longo da súa historia, e como todas as entidades de carácter asociativo, Santiago Centro atravesou diferentes etapas. A Fundación non foi allea á crise económica que nos acompaña desde 2010. Sen embargo Santiago Centro foi quen de manter a súa actividade e, desde mediados de 2016, mesmo reforzar e relanzarse como organización.

A Fundación Santiago Centro está rexida por un Padroado integrado exclusivamente por empresarios e profesionais autónomos dedicados ao pequeno comercio. O Padroado está actualmente conformado por:

  • José Mª Fernández Fernández, presidente
  • Delmiro Prieto González, secretario
  • César Ouro Morales, vocal
  • José Luís Pintos Peñaranda, vocal
  • Juan Luís Cano Dequidt, vocal

Como entidade, Santiago Centro presta á comunidade apoio e servizos varios, ademais de exercer o seu labor de representación ante administracións públicas e organismos.

Santiago Centro forma parte da Mesa de Comercio do Concello de Santiago, na que se analizan e deciden cuestións directamente relacionadas coa actividade comercial en Compostela. Está representada asemade en grupos de traballo de entidades como a Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela e Comarca. E convócasenos con regularidade en todos aqueles foros nos que se deciden, ou se preparan propostas, de aspectos relacionados co comercio e a actividade empresarial de Santiago de Compostela.

Os profesionais autónomos e empresas que conforman a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, contribúen a revitalizar o Ensanche compostelán a través de iniciativas lúdicas, culturais e comerciais e, ao tempo, contan con servizos como:

  • Asesoría xurídica especializada. Gratuidade da primeira consulta
  • Asesoría xurídica relativa a reclamacións e suxestións de consumidores
  • Bolsa de emprego
  • Acceso gratuíto a accións de formación dirixidas a propietarios e traballadores
  • Negociación conxunta con provedores
  • Programas de implantación de sistemas de eficiencia enerxética
  • Promoción e publicidade conxunta
  • Participación en campañas e accións de fidelización de clientes.
  • Inclusión no portal web de Santiago Centro, con páxina individual.
  • Acceso a espazos web para a divulgación de ofertas e promocións
  • Acceso gratuíto a contas de correo electrónico
  • Promoción conxunta en redes sociais (facebook, Twitter, Instagram), a través das contas de Santiago Centro, con preto de 9.000 seguidores
  • Participación en actividades de dinamización comercial, social e veciñal
  • Formamos parte, xunto co CCA Compostela Monumental, da Federación do Comercio de Santiago, para a defensa do pequeno comercio e a promoción de Santiago como cidade de compras.
  • Somos integrantes da Asociación Galega de Traballadores Autónomos ATA Galicia, que respresenta os dereitos dos socios da Fundación Santiago Centro ante as institucións públicas e privadas.

Aínda que con fórmula xurídica de Fundación, Santiago Centro funciona na práctica como unha asociación á que se poden adherir todas as empresas, profesionais autónomos e entidades que o desexen, sempre que estean fisicamente radicadas no Ensanche de Santiago, que é o noso ámbito xeográfico de actuación.

As empresas asociadas, que denominamos nos Estatutos usuarios colaboradores, achegan regularmente cotas á Fundación. Ao tratarse dunha entidade sen ánimo de lucro, e ser unha Fundación de Interese Galego, estas cotas teñen tratamento fiscal de doazón. A fixación das cotas realízase en función da actividade que desenvolven as empresas; e a zona xeográfica na que están radicadas.

Para máis información poden contactar coa Xerencia da Fundación mediante os correos electrónicos info@santiagocentro.gal e xerencia@santiagocentro.gal. Estamos asemade dispoñibles no teléfono 981 554 295 .