Unha ducia de establecementos asociados a Santiago Centro, Área Comercial, lucieron en maio de 2017 nos seus escaparates móbiles realizados por persoas usuarias do Servizo de Estimulación Terapéutica do Ensanche, inaugurado en marzo e xestionado pola Asociación Galega para Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (Agadea). Con esta iniciativa pretendíase dar visibilidade da enfermidade a poboación en xeral e mostrar as habilidades e aptitudes dos enfermos de alzheimer a pesar das súas limitacións.
Entre outros establecementos participaron Esther Lencería, Intersport Amancio, Las cosas de MamaLara, Librería Fonseca, Calzados Pachi, Patucos Co, Tintoreria España, A Cesta da Saúde… Os móbiles, de temática primaveral, realizáronse nun obradoiro de laborterapia no que participaron as persoas usuarias do Servizo de Estimulación Terapéutica do Ensanche.
O servizo, orientado a persoas con alzhéimer ou outras demencias neurodexenerativas, ofrece tamén asesoramento especializado as familias. Está situado no número 11 da rúa Diego de Muros e nel traballan especialistas en educación social, traballo social, psicoloxía, xerocultores e outros. O obxectivo das atencións que ofrece é estimular a memoria e o resto de funcións cognitivas, favorecendo o seu exercicio e preservándoas mediante diversas técnicas. Ademais, proponse favorecer as relacións sociais, a independencia e a autoestima das persoas usuarias. Os programas que se desenvolven constan de actividades de psicoestimulación cognitiva como reminiscencia persoal, orientación á realidade, lectura de prensa, xerontoximnasia ou actividades.