Non hai moitos lugares mellores que Galicia para saborear alimentos de primeira calidade, e Compostela é unha boa mostra disto. No Ensanche santiagués, una tenda ofrece desde hai apenas uns meses unha selección do máis destacado da produción ecolóxica da Comunidade: Agranola, na rúa Santiago de Guayaquil, reúne nun espectacular establecemento todo o que necesita o amante da boa gastronomía.
A historia de Agranola medrou arredor dunha copa de tinto galego. “Todo empezou coa idea de comercializar os nosos propios viños, que elaboramos na Ribeira Sacra”, explica o seu responsable, Ricardo Villagómez. A este primeiro impulso sumóuselle a idea de vender tamén outros alimentos de calidade difíciles de atopar en Santiago: “Unha cousa levounos á outra, e á tenda de viños seleccionados decidimos engadirlle unha boa oferta de produtos gourmet ecolóxicos”.
Agranola abriu en outubro de 2018 e, en apenas semanas, converteuse en parada obrigada para os foodies composteláns. “Os nosos produtos”, apunta Villagómez, “proceden de pequenos produtores que se esforzan para ofrecer sempre a máxima calidade”. E non só destaca a súa carta de viños: nos seus modernos estantes poden atoparse aceites, conservas, galletas, legumes, chocolates ou marmeladas, sempre elaborados de xeito tradicional e san.
Villagómez defende a necesidade dun comercio de proximidade, que estea preto dos clientes: “Os establecementos pequenos damos un trato máis próximo e podemos adaptar as compras a gusto de cada persoa”, afirma. Para sito, asegura, o Ensanche é o lugar ideal, “pola súa situación comercial e polos seus veciños”.