Xente nova, xente maior, bebés ou entusiastas do exercicio acoden cada día ás instalacións de Espagat Urban Gym & Spa, o gran centro de actividade física da rúa Fernando III O Santo. Herdeira dun dos ximnasios clásicos de Compostela, a empresa centrouse nos últimos tempos en ofrecer actividades saudables aos seus socios, sempre desde o Ensanche de Santiago, unha zona que cualifican de “vital, activa e diversa”.
Espagat Urban Gym & Spa recolle a experiencia dun ximnasio aberto en 1984 e que acadou durante moitos anos o recoñecemento como un dos clubs máis grandes de Galicia. “Se ata ese momento a prioridade era o deporte, a partir do cambio de século cambiamos o enfoque”, explican desde o centro, “e pasou a ser prioritario o concepto de exercicio saudable. Adaptámonos ás necesidades da sociedade e da contorna e, nesa liña, en 2003 inauguramos o primeiro spa urbano de Santiago”. O obxectivo é ofrecer as ferramentas para que as persoas “poidan sentirse ben consigo mesmas grazas ao exercicio san e controlado. Contamos cun gran abano de clientes: desde mozos e mesmo bebés a persoas de idade avanzada, pasando por persoas que presentan algún tipo de patoloxía o discapacidade, e a todos eles o noso equipo busca asesoralos individualizadamente”.
Entre as actividades máis demandadas nesta nova época do Espagat Urban Gym & Spa están a zona de fitness e escola de natación para bebés, nenos e adultos. Non deixa de cobrar cada vez máis protagonismo a área de beleza e de spa, que atrae tanto a composteláns como a visitantes de fóra da cidade. “Estar en forma é importante, pero non a calquera prezo”, apuntan, “e saber como conseguilo ten moita relevancia: a saúde é o primeiro, e hai que abordar o exercicio téndoo claro. Exercicio e saúde están casados e non hai opción á separación”.
Así, por exemplo, en Espagat Urban Gym & Spa recordan que a tan traída operación bikini e as présas son sempre unha mala idea: “Hai que ter ilusión por coidarse e actitude. Nós poñeremos moito da nosa parte para que logren os seus obxectivos”. Cada cliente obtén ao chegar un programa de adaptación personalizado, “para que os primeiros pasos sexan levadeiros e motivadores”, e entrégaselle un programa persoal para a consecución duns obxectivos persoais. O persoal do centro acompáñao no día a día e fomenta a asistencia regular ás actividades, porque na constancia está a clave: “O tempo que se inviste no exercicio”, comentan, “é tempo investido na saúde”.