Santiago Centro recibe o mes de setembro cunha nova campaña: Enraízate no comercio local, iniciativa coa que os asociados dan a benvida a un novo ciclo tras as vacacións estivais. A data clave será o sábado 7, día en que os establecementos sacarán os seus produtos ás rúas con prezos especiais.

Os negocios participantes recibirán materiais decorativos, como ristras de bandeiras de cores, para engalanar os seus espazos, e tamén un agasallo personalizado para entregar aos clientes por cada compra realizada.

Este agasallo, un maceteiro biodegradable con sementes de sempreviva, foi deseñado para establecer un vínculo emocional entre os clientes e o comercio local. Simboliza o crecemento e o fortalecemento da comunidade a través do seu apoio ao comercio de proximidade.

A iniciativa, ademais de buscar o impulso das vendas locais, pretende recordar á poboación as vantaxes de apoiar o comercio local: confianza, seguridade, servizos preto da casa…

A campaña de Santiago Centro, conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Santiago.