Esther Lencería é unha tenda especializada en roupa interior en Santiago de Compostela. No seu establecemento contan con roupa interior coa máxima comodidade e calidade, dende deportivos, homewear, maternales e reductores ata shapewear. Aquí compartimos unha pequena conversa con Mónica que nos axuda a acercarnos e coñecer mellor este pequeno comercio do Ensanche compostelán.

Desde o punto de vista dunha tenda especializada en roupa interior, cales son as cores para esta primavera?

Falando de roupa interior, na primavera as cores pasteis é o que funciona, cores como o salmón, beige clarito e o branco, que ven con forza este ano. Son os tons que máis se están pedindo. Son pezas femininas, románticas, con encaixe, con algunha transparencia… Aínda que as pezas deportivas seguen sendo un boom, pero a xente quere cambiar e sentirse diferente. As pezas deportivas achegan comodidade, pero as pezas femininas e máis románticas úsanse para dar un toque diferente.

Aínda que non levamos moito de primavera, cal crees que será a peza que máis arrase esta tempada?

Temos unhas camisetas de Modal que se poden usar de exterior ou de interior, son moi monas e pódense combinar con xerseis moi abertos e fai un look moi chulo. Ademais, estamos en Galicia, e o tempo aínda non acompaña moito a empezar a usar roupa curta.

Hai algunha peza da nova colección que se converteu xa na túa favorita?

Na primavera e verán as braguitas de Janira funcionan moi ben, son moi cómodas e non marcan nada, ademais teñen moi boa calidade. Lévalas postas e non as notas, é unha marca con moita clientela fixa. Sempre é unha boa elección para esta época do ano, son practicamente invisibles.

Tamén me gustaría mencionar que actualmente traballamos ata a copa E en calquera colección do ano.

Con motivo da tendencia actual dos materiais reciclados, traballades algún produto que empregue este tipo de material?

Si, este tipo de produtos e os orgánicos nótase que empeza a interesar á xente. Teño uns conxuntos de Variance que se fan cuns 80% de fibras recicladas, restos de fíos e de plásticos. Tamén temos produtos con algodóns orgánicos, coñecidos como algodóns bio.

Adaptades o voso escaparate ás diferentes tempadas?

Si, sempre tentamos adaptalo por cores. Agora na primavera temos uns faroliños colgados e unha alfombra verde, por exemplo. A decoración adaptámola máis ben por tempadas, aínda que cada dúas semanas aproximadamente imos facendo pequenos cambios.

Xa se empeza a vender a roupa máis fresca para o verán?

Nos non traballamos roupa de baño, pero si temos uns vestidos de verán, que se usan para ir á praia. Eu noto que a xente xa empeza a botar unha ollada ás pezas. Estes vestidos son moi cómodos, teñen unha tea que seca moi rápido e non necesita pasar o ferro. Tamén teñen estampados moi chulos e agora lévase moito o tie dye.

Estades a vervos moi afectados esta tempada polas consecuencias da pandemia?

Si, aínda estamos moi afectados. A xente aínda non sente moi segura, aínda que a xente maior xa se atreve un pouquiño máis, pero seguen sendo moi remisos a probar roupa. Hai poucos eventos, e non se move o mesmo que outros anos. De todos os xeitos, moitos clientes escríbennos por WhatsApp para facernos consultas antes de pasarse pola tenda, e iso valorámolo moito porque seguimos mantendo ese contacto que nos quitou toda esta situación.

Onde podemos atopar as vosas propostas para esta primavera?

Temos varias vías de comunicación, podedes chamar diretamente á tenda (981935293), escribir por WhatsApp (667936293) ou por correo electrónico (estherlenceria5@gmail.com). Tamén temos perfís en Instagram e Facebook, animamos á xente a seguirnos por ahí para coñecer todas as nosas novidades, ou mesmo para falar connosco e resolver consultas. Por outro lado, non temos tenda online propia pero vendemos algunhas cousiñas no Outlet Santiago.