Máis dun século de experiencia acredita a traxectoria da Clínica Baltar. Desde hai uns meses, a empresa abriu novas instalacións no número 19 da rúa Alfredo Brañas de Compostela, o que, segundo conta o doutor Pablo Baltar Martínez de la Riva, é “un proxecto moi ilusionante e ambicioso”. Nel conxúgase a última tecnoloxía médica coa eficiencia na xestión e, á vez, a proximidade cos pacientes que facilita o Ensanche santiagués.
Baltar é unha clínica integral de odontoloxía, especialista en implantoloxía oral e ortodoncia. As súas instalacións permiten as técnicas máis modernas, desde cirurxía guiada por ordenador 3D a implantoloxía de carga inmediata, que permite a posibilidade de realizar o implante e cargar a coroa o mesmo día, ou o CBCT 3D.
En canto á ortodoncia, Pablo Baltar destaca que o centro é “a día de hoxe un referente na utilización do método Invisalign, o máis novidoso que existe neste campo. É rechamante como cada vez resulta máis demandado polos nosos pacientes, sobre todo adultos, pola súa alta estética (é practicamente imperceptible e totalmente transparente) como polo cómodo que resulta e os resultados magníficos que se obteñen.
No que se refire á xestión, Clínica Baltar apostou por unha política de “cero papel”, investindo na dixitalización total dos procesos, “desde a sinatura dos consentimentos informados ao recordatorio de citas ou a creación dunha aplicación para os pacientes”, apunta o seu responsable.
O centro conta, ademais, coa vantaxe dunha traxectoria centenaria no mundo da saúde. “A nosa familia leva dedicándose á medicina máis de 100 anos”, explica Baltar Martínez de la Riva, “e é unha gran responsabilidade, pero tamén un aliciente para mellorar día a día. Buscamos manter os valores inculcados polos nosos antepasados: paixón polo noso traballo, respecto e empatía cara aos nosos pacientes, formación continua e busca da excelencia, e achegamento da medicina e da odontoloxía á sociedade, tratando de ofrecer o mellor de nós coas mellores condicións económicas posibles”.