Dinamo é unha empresa pioneira na mensaxería en bicicleta en Compostela. Desde o seu inicio en 2014 como medio de entrega e difusión alternativa e sostible, a empresa foi medrando e buscando novos servizos, que presta en toda a cidade, aínda que a súa presenza no Ensanche é moi notable. O seu responsable, Carlos Fernández, afirma que a zona nova santiaguesa é “un espazo atractivo que engloba, nun radio de acción ben definido, unha ampla variedade de servizos, tanto a nivel de comercio coma de ocio”, o que a fai interesante para veciños e visitantes.
A empresa dispón de soportes publicitarios exclusivos que empregan a bicicleta como medio de difusión e promoción no ámbito urbano. “Penso que é unha boa alternativa para os negocios locais”, apunta Fernández. Ao seu xuízo, “unha boa comunicación depende de varios factores: definir adecuadamente a idea ou a mensaxe que se pretende transmitir, determinar a canle máis adecuada para facelo tendo en conta o público ao que pretendemos chegar, así coma elaborar un orzamento axeitado en relación aos nosos obxectivos finais”.
Desde o seu comezo, Dinamo presta servizos ao comercio de proximidade, “que ten como vantaxes un gran nivel de especialización, o coñecemento do sector e a atención ao cliente. Esas son as bases que fan diferente ao comercio local fronte a outras opcións”.
Para o Ensanche, o responsable de Dinamo vería positiva “calquera medida que se adopte a prol da peonalización dos espazos urbanos, o incremento de zonas verdes e recursos públicos de cultura, ocio e deportivos”