A actual exposición do artista ferrolán Suso Basterrechea, Quixen ser perfecto, quixen ser minimalista, pero teño pingueiras, está dispoñible na Galería Metro para apreciar tanto presencialmente como en formato dixital. Esta mostra é unha proclama extraída dunha das súas obras que se presenta como unha declaración de intencións.
Estas obras atópanse na inmediatez do debuxo e de técnicas líquidas como a témpera ou o esmalte, o mellor medio de expresión dun mundo fragmentado, cambiante e carente de certezas.
Esta colaxe vital adquire todo o seu sentido en montaxes que establecen un diálogo entre as pezas e o espazo que ocupan, xa sexa converténdoas nunha segunda pel que forra as paredes ou en elementos case escultóricos.
O artista, formado na Facultade de Belas Artes de Sevilla, conta cunha traxectoria artística de máis de tres décadas nas que protagonizou numerosas exposicións individuais e colectivas, tanto a nivel nacional como internacional, e agora volve á Galería Metro para mostrarnos os avances no seu estudo durante os últimos tempos.
Con esta exposición a Galería Metro segue avanzando cara á innovación permitindo aos usuarios a posibilidade de realizar unha visita virtual en 3D, picando nesta ligazón.