Para eses días nos que o tempo non permite saír ao campo, ou simplemente para mellorar a técnica con calma, o Real Aeroclub de Santiago vén de adquirir un simulador de golf Foresight, que presentará aos socios mañá mércores, 8 de setembro, ás 19:30 horas no local social de Xeneral Pardiñas.
O encargado de expoñer as cualidades deste dispositivo, que se pon a disposición dos golfistas do Real Aeroclub, será Álvaro Beamonte, coñecido comentarista de golf na televisión, onde comenta o circuíto americano para Movistar +. Beamonte é tamén profesor de golf e ex xogador profesional, e emprega a tecnoloxía de Foresight na súa academia. Resulta, polo tanto, a persoa ideal para facer ver todas as virtudes do simulador. No evento de mañá explicará desde o punto de vista técnico as diferentes capacidades do simulador, así como as vantaxes e aplicacións que pode ter nun club coma o compostelán.
Na segunda parte do evento, o profesional madrileño responderá a todas as dúbidas do público en relación co simulador, e abordará tamén outras preguntas que teñen que ver co mundo profesional do golf. Debido ao aforo limitado, seguindo os protocolos covid actuais, é imprescindible inscribirse por teléfono na recepción do club (981 888 276). A primeira parte do evento pode seguirse en streaming desde o local social; para o segundo acto, o convidado falará xa en persoa con todos os asistentes, respondendo directamente ás súas preguntas.