A proximidade e o valor do pequeno son as dúas pedras fundamentais de El Armario de Alma, a tenda de moda feminina instalada na rúa Xeneral Pardiñas, 17. Aseguran que a súa inspiración é “o máis puro estilo parisino” e buscan a unha clienta coqueta e que valore, coma elas, o artesanal e o personalizado.
El Armario de Alma naceu en maio de 2014 nunha das rúas céntricas do Ensanche compostelán e comercializa fundamentalmente moda para muller xove. “Somos unha empresa familiar e pequeniña”, apuntan con orgullo.
Diríxense a un tipo de persoas moi específicas, que aprecian as súas propostas como propias: “As nosas clientas son mulleres soñadoras e moi femininas. Son as que realmente se senten identificadas coas nosas coleccións”. Entre as prendas que ofertan destacan “unha parte pequeniña da colección, que deseñamos e confeccionamos de forma artesanal, coidando ao máximo cada detalle. Ese tipo de prenda cremos que é o produto estrela de El Armario de Alma”.
Ser unha tenda pequena e de proximidade ten grandes vantaxes, aseguran: “O noso obxectivo é poder dar un trato personalizado a cada clienta. Confiamos en que a nosa dedicación e asesoramento desde o momento en que entra na nosa tenda nos diferencie das grandes áreas”.