Parece que nos próximos días aprobarase definitivamente a denominación do aeroporto de Santiago, que recibirá o nome de Rosalía de Castro. Aínda que habitualmente vinculada con Padrón e coa ribeira do Sar, a poeta naceu en 1837 no que máis dun século despois se convertiría no Ensanche de Compostela; así o recorda un monolito situado na praza de Vigo, moi cerca de onde a escritora veu ao mundo e da rúa que, na actualidade, lembra a súa figura.

O lugar chamábase entón Camiño Novo, pertencía ao desaparecido concello de Conxo e era unha zona de agros e campos de labor, xa moi ás aforas da cidade. A propia Rosalía dedicoulle en Follas novas uns versos a aquela lomba entre a vella Compostela e Cornes na que na actualidade se ubica o Ensanche.

“Formoso campo de Cornes,
cando te crobes de lirios,
tamén se me crobe a ialma
de pensamentos sombrisos.
De Cornes lindo lugare,
que cruzan tantos camiños:
anque cuberto de rosas,
as rosas tamén fan guizos”.

Antre as pedras, alelises;
antre os toxos, campanillas;
por antre os musgos, violas;
regos por antre as curtiñas.
Río abaixo está o moíño,
Compostela río arriba…
Río arriba ou río abaixo,
todo é calma na campía.

Convidando a meditare,
soan de Conxo as campanas;
beben os bois no teu río
i o sol alegra a escampada.
Das túas casas terreñas
sai fume, i os galos cantan…
¡Quén en tan fresco retiro
dirá que as dores fan lama!

[…]

Cruceiro de Ramírez que te ergues solitario
dos Agros na espranada, antre as rosas dos campos:
o sol da tarde pousa en ti o postreiro raio
coma nun alma triste pousa un soño dourado.

Algunha vez no estío, eu ó teu pe sentada
escoito silenciosa, mentras a tarde acaba;
baixo das pedras mudas, que teu sacreto gardan,
maxino que resoa o brando son dun arpa,
¡música incomprensible que de outros mundos fala!

[…]