Gafas de ver ou de sol, de ducias de marcas, con miles de modelos, cada un coas súas variacións e personalizacións… e a posibilidade de probalas de xeito virtual. Desde hai unhas semanas Óptica Val incorporou á súa tenda na Praza Roxa unha pantalla que facilita a compra da montura perfecta, mesmo aínda que non estea presente no establecemento: o Virtual Mirror, ou espello virtual, un probador de última xeración que anuncia o xeito no que compraremos no pequeno comercio dentro de moi pouco tempo.
O funcionamento do Virtual Mirror é ben sinxelo. A pantalla vertical mostra, coma en calquera web de marca, diferentes marcas e modelos de gafas, cuns filtros para escoller o tipo e o estilo que se desexan. A oferta é enorme e é imposible non atopalas, pois pode discriminarse desde o sexo de quen as vai levar ata os modelos, as cores nas que están dispoñibles ou os tipos de lente que admiten.
Aproximadamente a metade dos modelos teñen a opción de proba virtual. Trátase simplemente de escanear un código QR nunha tableta que tamén proporciona Óptica Val, e que serve de “espello máxico” no que, sobre a cara do cliente, se coloca unha reprodución en tres dimensións da gafa elixida. O efecto é verdadeiramente realista, e pode comprobarse, sen ter nas mans a montura física, como vai sentar na cara cada modelo, mesmo movendo a cabeza para apreciar todos os detalles.
En dúas das principais firmas, Oakley e Ray-Ban, a prestación aínda é maior, pois é posible personalizar elementos coma as patillas, os cristais ou o estoxo. Esta opción é ideal para recoñecer ao momento as gafas de cada un ou para facer un regalo con mensaxe.
Unha vez elixidas as gafas, no caso de non estaren dispoñibles en tenda (ou de que se teñan que facer as personalizacións pedidas), estas chegarán días despois a Óptica Val sen incremento de prezo.
O Virtual Mirror de Óptica Val proporciona un adianto de como será a experiencia de compra no comercio retallista en moi pouco tempo: completamente adaptado ao cliente, divertido e cun alto valor engadido. A aposta por estas ferramentas dixitais e por atender as novas esixencias dos clientes é unha das liñas nas que traballa Santiago Centro desde hai meses.