O Ensanche é o barrio de Santiago de Compostela situado ao sur da zona histórica, no que se concentra a maior actividade comercial da capital de Galicia. Construído sobre o que hai menos dun século eran campos de labor coma os Agros da Carreira, o Ensanche comprende as rúas ao sur da avenida Rosalía de Castro e ao norte da vía férrea. É un dos máis poboados e vibrantes da cidade e conta con lugares para o ocio, a restauración, as compras e zonas de xogo infantil.
A que hoxe é a principal área comercial de Compostela foi edificada principalmente na segunda metade do século XX, aínda que nas súas rúas poden atoparse edificacións de primeiros desa centuria, cando a cidade comezou a expandirse fóra dos seus antigos límites medievais. Os viais do chamado “primeiro ensanche”, arredor da rúa do Hórreo, conservan hoxe edificios de modernismo contido, racionalistas e rexionalistas, e zonas singulares como a cidade xardín A Rosaleda (1942-1950).
O Ensanche acolleu tamén as primeiras industrias edificadas extramuros, como a Tintorería España ou a Fábrica de Gas, xa desaparecidas. A súa expansión entre os anos 1960 a 1975 foi fundamental para acoller o gran aumento de poboación experimentado neses anos, dando vivenda, traballo e lugares de ocio a profesionais, emigrantes e estudantes chegados tanto doutras zonas de Santiago coma do resto de Galicia. Esta orixe deulle ao Ensanche o seu carácter aberto e acolledor, que tanto veciños coma visitantes comproban día a día coa vida nas súas rúas.