Santiago Centro presentou esta mañá OutletSantiago.gal, un portal multi tenda que pon ao alcance do público unha canle de venda de produtos en outlet coa garantía e a experiencia do comercio de proximidade. Á presentación da plataforma asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xeral de Comercio da Xunta, Sol Vázquez; o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández; e a de Em Rede, Eva López.
“Para nós era fundamental facilitar ao comercio unha plataforma de venda virtual, e confiamos en que os usuarios perciban que ofrece calidade real. Detrás de cada produto de outletsantiago.gal hai un comerciante con moitos anos de experiencia”, afirmou o presidente de Santiago Centro, Chema Fernández. A idea da Fundación é “trasladar ao mundo dixital a experiencia de compra do comercio tradicional”. A iniciativa “enmárcase dentro do Plan Estratéxico presentado por Santiago Centro o ano pasado, no que se establece a dixitalización e a tecnoloxía como ferramentas fundamentais para dinamizar as vendas do comercio retallista”. “Algúns dos comercios integrados en OutletSantiago.gal xa teñen web e mesmo tenda online, pero para moitos esta é a porta de entrada á dixitalización”, remarcou Fernández.
A xuízo de Sol Vázquez, a iniciativa “nace da unión e de pensar no futuro. É moi complicado saír adiante neste entorno dixital se non é dun xeito colaborativo”. A directora xeral de Comercio auguroulle a outletSantiago.gal “un lugar destacado nos navegadores” e pediu á cidadanía “apoio ao comercio de proximidade, que é o que asegura emprego de calidade e mellora a imaxe das cidades”.
Neste mesmo sentido expresouse Xosé Sánchez Bugallo, para quen “a cidade que queremos necesita ao pequeno comercio. Este modelo de convivencia precisa de que a xente se relacione nas rúas, algo que require imperativamente a pervivencia do comercio local”. Para o alcalde compostelán, o comercio retallista “é o que xera emprego de calidade e con el clase media. Noutras plataformas non sabemos onde vai o diñeiro. Aquí é para as familias, para que estuden os seus fillos, para a calidade de vida. O outro non nos aporta nada”.
Pola súa banda, Eva López saudou a iniciativa destacando o esforzo conxunto entre Santiago Centro e EmRede nesta e noutras accións de promoción do comercio local, grazas a unha estratexia de colaboración establecida entre ambas organizacións en beneficio do comercio local.
Outlet Santiago é unha plataforma de venda de produtos en outlet, de establecementos comerciais de Compostela, no que Santiago Centro actúa como mero intermediario. As vendas realízanse directamente entre o comprador e o provedor. Neste momento inicial, na web participan 28 tendas e pódense atopar máis de 600 produtos con descontos do 15 ao 70%, dos sectores téxtil, calzado, xoiaría, complementos, deportes, papelaría, animais de compañía, alimentación gourmet, óptica, imaxe e son, regalos, mobles e máis decoración.
A alimentación do portal realizarase de xeito continuado, ao poder os comercios integrar produtos sempre que o desexen, así como xestionar stocks, facturar e enviar os artigos vendidos, sen perder nunca o control dos seus produtos nin da relación cos clientes. Pola súa parte, Santiago Centro proporciona a plataforma, a formación necesaria para comezar e máis a pasarela de pagos, negocia os envíos, mantén un servizo permanente de apoio aos comercios e desenvolve as campañas de publicidade e promoción.
Comprando en Outlet Santiago o cliente conta coas mesmas garantías de cambios e devolución que nunha tenda física tradicional, e ademais favorécese ás pequenas tendas e a vida nos barrios, colaborando co mantemento de postos de traballo e fortalecendo la economía local. Na iniciativa, aberta á incorporación de novos comercios, Santiago Centro alíase con Proxecto EmRede, asociación de pequenas empresas e comercios de Santiago de Compostela e comarca.
Santiago Centro creou e mantén o proxecto contando coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, a través das súas liñas de axudas a asociacións de comerciantes e proxectos de innovación comercial.