Preto dun cento de comercios do Ensanche de Compostela participan na segunda edición de PASEARTE, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago. Santiago Centro, Área Comercial organiza a acción en colaboración coas galerías Luisa Pita, Nordés, Metro, Federica no era Tonta e Trinta, e co patrocinio de Jael Joyería, Grupo Ulla e Quatrium Inmobiliaria. Pasearte presentouse hoxe nunha rolda de prensa á que asistiron o director xeral de Política Cultural da Xunta, Anxo Lorenzo; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Branca Novoneyra; e José María Fernández, presidente da Fundación Santiago Centro.

Pasearte é unha mostra que busca achegar á cidadanía o traballo de artistas e galeristas, ao tempo que atrae ao público ao Ensanche compostelán nunhas datas, as do Nadal, especialmente importantes para o comercio local. O comisario da mostra é Javier Blanco Lado, que foi o encargado de integrar as obras de arte nos escaparates, en colaboración con establecementos e galerías. Nesta edición son 90 as obras que se amosan, creadas por 60 artistas entre os que se atopan nomes de tanta relevancia como Vari Caramés, Din Matamoro, Antonio Rábago El Roto, Alejandra Atarés, Dario Basso, Joseba Muruzábal, Pierre Loiuis Geldenhuys ou Pamen Pereira.

“Para nós é un orgullo e un feito diferencial que proxecta prestixio e unha imaxe renovada do Ensanche e, por extensión, de toda a cidade”, afirmou José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro. Fernández apuntou que Pasearte “usa os escaparates e as rúas como espazo expositivo aberto e accesible a todo o mundo”. O evento, apuntou, quere “introducirse na axenda cultural de Galicia e favorecer tanto ás galerías como ao pequeno comercio”. Neste sentido, dixo, “a arte nos escaparates dá valor aos comercios nestas datas tan importantes, e os comercios damos valor á arte poñéndoa á disposición do gran público”.

O director xeral de Política Cultural da Xunta, Anxo Lorenzo, quixo resaltar a “amplitude de miras” dos comerciantes do Ensanche compostelán: “Que alguén permita que interveñan nun lugar tan simbólico coma o escaparate da súa tenda é meritorio. Innovar e cambiar é difícil, e é algo que aquí si se fai”. Lorenzo dixo que Pasearte cumpre un papel importante “á hora de crear e fidalizar públicos” para a arte, difundindo o traballo “fundamental das galerías no panorama cultural das cidades” e dando a coñecer “artistas consagrados e emerxentes”.

Pola súa banda, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, afirmou que Pasearte “coincide plenamente con dous obxectivos desta institución: que a arte contemporánea chegue a todos os públicos e que o público aposte por comprar no comercio local nestas datas”. “Estas iniciativas serven para mostrar que hai artistas de gran calidade e para promover que en Nadal se regale cultura galega”, dixo.

A concelleira de Acción Cultural de Compostela, Branca Novoneyra, cualificou Pasearte de “interesante iniciativa para unha capital cultural como Santiago”. “Pasearte ten unha liña de crecemento moi interesante”, afirmou, “e encaixa co que o Concello pensa que debe ser a acción cultural: persoas, colectivos e empresas teñen que tomar tamén a iniciativa”.

PROGRAMACIÓN

En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros familiares que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, e tamén visitas guiadas á exposición e ás galerías participantes. Tamén se levará a cabo durante a próxima fin de semana un concurso de fotografía en colaboración coa plataforma Inspirarte, que premiará as mellores imaxes inspiradas en obras de Pasearte.