O comercio de Santiago Centro sairá ás rúas os vindeiros días 14 e 15 de xuño, venres e sábado, en coincidencia coa festa do comercio PRIMA24 que promove o Concello de Santiago. Os comercios participarán nas actividades da festa local sacando os produtos fóra dos establecementos e decorando as tendas e as rúas con globos que proporcionarán unha imaxe unificada aos asociados. Parte deles, ademais, aproveitarán a convocatoria para realizaren vendas en outlet de prendas e equipamento de tempadas anteriores, colaborando así para facilitar aos composteláns e visitantes a renovación de vestiario, calzado e complementos ante a entrada do verán.

Na actividade participarán establecementos de todos os sectores, de adultos e infantil, proporcionando un valor engadido á Festa do Comercio e ás actividades, concertos e sorteos organizados polo Concello de Santiago nesta edición.

PRIMA24 ofrece un amplo programa de actividades nas rúas do Ensanche que podes consultar neste enlace.

Os comercios do Ensanche manterán o seu horario habitual de apertura.

A campaña de Santiago Centro conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.