Entrada xa a primavera, cos primeiros raios de sol, a chegada da época de celebracións ou o Día da Nai á vista, Santiago Centro quere volver premiar a fidelización da clientela que aposta polo comercio local do Ensanche compostelán. Así, dende o 26 de abril e ata o 15 de maio pon en marcha unha nova promoción a través da App ‘Santiago Centro Vip’, sorteando entre as persoas que realicen compras nos establecementos adheridos entre esas datas 10 vales por valor de 50€ cada un. Estes vales non son físicos, senón que se transforman en saldo para gastar a través da aplicación e aparecerán automáticamente no perfil da app de cada persoa que resulte premiada.

O sorteo da campaña ‘APPúntate ao comercio local’ , que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago, será o 16 de maio e a partir de aí as persoas agraciadas poderán canxear o saldo do seu premio ata o 30 de maio.

Xa son varias as campañas que Santiago Centro realizou dende que puxo en marcha esta aplicación, que engloba un bo número de establecementos. A través do seu uso a clientela pode acumular descontos que pode aplicar nas compras seguintes. A app ‘Santiago Centro Vip’ pode descargarse tanto en Android como en iOS, despois hai que crear un perfil cun contrasinal e estaría lista para empezar a usar. Unha vez rexistrados, na propia aplicación pódese consultar a listaxe de comercios que ofrecen descontos e o saldo que imos acumulando. Para que eses descontos se acumulen só tes que identificarte coa App na tenda adherida cando merques físicamente nela. No seu caso, para as persoas menos tecnolóxicas, tamén están dispoñibles tarxetas físicas que cumprirían a mesma función. Para obtela a persoa debe rexistrarse nalgún dos comercios participantes.

Velaquí tes as bases do sorteo, que tamén podes descargar en PDF