O presidente da Fundación Santiago Centro, Área Comercial, José María Fernández, destacou hoxe a alta asistencia e o bo volume de vendas acadado durante no Outlet Santiago Centro, celebrado a pasada fin de semana na Cidade da Cultura. Fernández quixo resaltar tamén a implicación do público nas actividades solidarias aparelladas ao evento, que serviu para contribuír aos proxectos de Down Compostela, Asanog e a sección galega da Asociación Alfa 1 España.

“Desde Santiago Centro queremos facer pública a nosa satisfacción por como discorreu esta primeira edición”, dixo Fernández, “porque, tratándose dunha iniciativa que acaba de nacer, a resposta moi superior á que agardábamos”. “A pesar de ser un outlet reducido”, explicou, “o altísimo interese mostrado polo público fai que nos reafirmemos en que esta debe ser unha vía de traballo para Santiago Centro. A cidade reaccionou moi positivamente á nosa proposta. Cremos que Santiago quere un outlet, e Santiago Centro xa está preparando a segunda edición”.

José María Fernández quixo expresar a gratitude da Fundación “en primeiro lugar coa Cidade da Cultura, que nos acolleu e nos deu todas as facilidades para a celebración do evento”. Fixo extensivo o agradecemento ás empresas SBC Gasolineras e Emac Proyectos y Obras, que colaboraron na organización e na mobilidade. “E, sobre todo, quero agradecer a confianza dos expositores”, proseguiu”; “sabemos que apostar por unha primeira edición sempre é difícil, e eles fixérono”.

O presidente de Santiago Centro remarcou tamén a implicación do público nas actividades solidarias programadas durante o Outlet. “Ducias de nenos e maiores participaron durante os tres días na campaña dos 200 billóns de estrelas nun firmamento solidario, colgando estrelas e contribuíndo así aos proxectos das ONGs involucradas”. Ademais, os comercios do Outlet ceden unha parte da súa recadación a estas actividades solidarias. Nesta primeira edición, nunha superficie de exposición de 250 m2,  participan os establecementos El Nonno, Cultura Urbana, Dana, Calzados Pachi, Las Cosas de Mamá Lara, Dulce Calvo, Actuality, Kids&Us, Patucos, Teté Niños, Sarto e Joyería Jael; selección de firmas de moda, calzado, decoración, regalo, complementos, xoiería, reloxería, cosmética e decoración de Nadal. No exterior da Cidade da Cultura, o Outlet conta cos principais concesionarios e empresas de venda de vehículos novos e usados. Participar o Grupo Brea (SEAT Brea Motor, Skoda Brea Automoción, Fiat BreaCar); Grupo Breogán Auto Ocasión e Breogán Lexus; Nissan – Renault Grupo Caeiro; e Autos Milladoiro.