Máis de 140 músicos, alumnos e profesores de seis conservatorios e escolas de música de Compostela, tocaron o sábado 1 de abril de 2017 nas rúas e prazas do Ensanche para recadar fondos para as investigacións contra o cancro do Grupo de Oncoloxía Médica de Santiago (Oncomet). A iniciativa involucrou tamén a preto de 30 voluntarios e a 150 comercios do Ensanche, que recolleron as achegas dos clientes e veciños de Santiago. A campaña foi promovida por Santiago Centro, Área Comercial en colaboración co Club Financiero e o respaldo de Oncomet.
Á convocatoria uníronse de xeito desinteresado a Escola de Altos Estudos Musicais, o Conservatorio Histórico, o Conservatorio do Colexio Manuel Peleteiro, a Escola Municipal de Música, Estudio Escola de Música e o Colexio Compañía de María. Os centros achegaron 42 actuacións con formato de mini concertos a cargo de intérpretes de todos os niveis e idades en varias localizacións do Ensanche.
A Praza Roxa acolleu un piano de cola no que se sucederán as actuacións durante todo o día, mentres que pola mañá tamén houbo música nas rúas Xeneral Pardiñas, Carreira do Conde, Fernando III O Santo, República do Salvador ou Alfredo Brañas. En casos, as actuacións supuxeron a utilización de equipos de amplificación instalados na rúa. Durante a xornada, os composteláns puideron disfrutar desde a excelencia dos alumnos de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais, ata a arte de pequenos intérpretes de 8 anos, bandas de jazz, agrupacións de ata 35 integrantes ou orquestras infantís. Todos os intérpretes colaboraron para, coas súas intervencións, recadar os máximos fondos posibles para Oncomet.