Un cento de comercios do Ensanche compostelán repartiron en Nadal agasallos a través da campaña de boletos con premio directo impulsada por Santiago Centro, Área Comercial. Os establecementos adheridos distribuíron máis de 450 premios, achegados polos propios negocios e polo centro comercial aberto, nun esforzo para promover a fidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector. Santiago Centro estimou nuns 15.000€ a contía dos agasallos, que van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; tratamentos de beleza; mochilas; zapatos; camisetas; auriculares; cursos personalizados de inglés; perfumes valorados en case 300€; bufandas; complementos; entradas para partidos de baloncesto do Obradoiro CAB; aspiradores; reloxos; almorzos para 2 persoas en establecementos asociados; reloxos; bonos para o adestramento de mascotas; cestas de produtos ecolóxicos; ou lotes de viño. Santiago Centro contou nesta iniciativa co apoio do Concello de Santiago e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.