As acccións de Pasearte, a mostra de arte nos escaparates do Ensanche de Compostela que se levou a cabo este Nadal, continuarán ao longo do ano con máis actividades e exposicións. Javier Blanco Lado, comisario e director da iniciativa, e José María Fernández, presidente da Fundación Santiago Centro, anunciaron hoxe en rolda de prensa a continuidade da iniciativa. Fernández, pola súa parte, fixo unha valoración da campaña de Nadal no comercio da zona moderna compostelá, que cualificou de “moderada, cunha recuperación moi lenta”.

A idea, expuxo Blanco, é que a arte contemporánea se converta “no selo cultural do Ensanche”. Pasearte “veu para quedar e para ser unha referencia en Galicia e a nivel nacional”. Neste sentido, o comisariado traballa xa na segunda edición, “na que se vai dar un paso máis. Non só queremos expor obras nos escaparates, senón que os escaparates sexan unha peza integral de arte, en consenso cos establecementos”. Esta primeira edición “saíu adiante en pouco tempo e grazas a que moitas persoas, da organización, dos patrocinadores e das institucións, nos deixamos a pel”.

Para prolongar a experiencia, Blanco anunciou que se está a traballar nun programa de accións durante todo o ano. Pasearte achegou a creación contemporánea ao público coa exposición de obras en 85 escaparates do Ensanche de Santiago e diversas accións complementarias (foros, encontros con artistas, visitas e intervencións artísticas en vivo en escaparates e árbores). Promoveuna Santiago Centro coa colaboración das galerías Trinta, Luisa Pita, Federica no era tonta y Metro, co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, o Grupo Ulla Oil, Quatrium Inmobiliaria e Taller de Marcos.

Valoración da campaña comercial de Nadal

José María Fernández destacou, pola súa banda, “o apoio de máis de 80 comercios, socios e non socios de Santiago Centro, que prestaron amablemente os seus espazos nunha época clave para as vendas. Comprobamos que moitos comerciantes entenderon o sentido desta acción e colaboraron ao máximo. Creo que na próxima edición van ser moitos máis”. Pasearte sumouse á campaña de fidelización comercial que levou a cabo en Nadal Santiago Centro, consistente en boletos de premio directo polos que se distribuíron 450 agasallos por importe duns 15.000 euros. “A súa repercusión foi moi boa, cremos que resultou un éxito”.

Con todo, Fernández afirmou que, no seu conxunto, as vendas do comercio do Ensanche en Nadal foron “moi moderadas, e, pola información que fomos recollendo, non cumpriron as expectativas”. Neste sentido, para o presidente de Santiago Centro “é indubidable que o sector vai saíndo da fonda crise económica que arrastramos desde hai xa unha década, pero tamén que a recuperación está sendo moi lenta. Posiblemente a climatoloxía influíu neste Nadal, pero desde Santiago Centro queremos facer unha análise obxectiva da situación e definir unha folla de ruta para o sector no Ensanche. Nisto estamos desde hai uns meses, e os resultados presentarémolos en breve”.