A Fundación Santiago Centro recibiu esta mañá o Premio Comercio Galego á ellor iniciativa dixital de asociacións de comerciantes, outorgado pola Xunta de Galicia, polas súas iniciativas vinculadas á transformación dixital, nomeadamente a web Outletsantiago.gal, o Grupo de Comercio Innovador e o boletín mensual de innovación. Mentres, un establecemento asociado ao Centro Comercial do Ensanche, Olivares Shoes&Bags, recibiu o premio ao mellor comercio da provincia da Coruña. Olivares é unha empresa de venda polo miúdo de produtos de moda de muller fundada en Ferrol no ano 2010, que conta con establecementos na Coruña e Santiago e dispón de venda en liña.
O xurado do Premio Comercio Galego valorou para o galardón á iniciativa dixital a posta en marcha de diversas accións estreitamente vinculadas coa transformación dixital por parte de Santiago Centro. O conselleiro de Industria, Fernando Conde, destacou no acto que iniciativas como as da Fundación “son exemplo da importancia de adaptarse aos novos tempos, transformando os negocios seguindo o ritmo das necesidades dos consumidores e empregando as mellores ferramentas dispoñibles para alcanzar ese obxectivo”. Ao recibir o premio, o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández, afirmou que o pequeno comercio “debe apostar pola dixitalización para sobrevivir e aproveitar as posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen”
O galardón recoñece o traballo de Santiago Centro en varios ámbitos. Por unha banda, a creación en xuño do Grupo de Comercio Innovador, no que se integran varios establecementos para impulsar accións que melloren a competitividade, testar iniciativas e tecnoloxías ou afondar no marketing dixital e a análise de datos. A iniciativa está a ser executada por expertos en innovación comercial e dinámica de grupo, poñendo énfase no desafío tecnolóxico ao que se enfronta o comercio tradicional e de proximidade. O Grupo conta co apoio do IGAPE e asinou convenios de colaboración coa Universidade de Santiago e Comercio Innovador Bilbao.
Na decisión dos Premios tamén pesou a creación, hai uns meses, dun portal web destinado á venda outlet por parte dos comercios asociados. O espazo online conxunto do comercio do Ensanche creouse para facilitar aos clientes a compra dos produtos dos comercios participantes e para expandir a base de clientela habitual do Ensanche a unha clientela universal. O portal lanzouse baixo o dominio outletsantiago.gal, coa participación de 28 comercios e 615 produtos.
Ademais, Santiago Centro distribúe mensualmente por correo electrónico o Boletín de Innovación, unha ferramenta que proporciona aos comerciantes poder coñecer rapidamente e dun xeito breve e sinxelo, as tendencias do sector, experiencias anovadoras ou iniciativas de éxito realizadas en España e noutros países, ou vinculadas á actividade comercial. Tamén actualiza periodicamente o apartado de Innovación da web do Centro Comercial Aberto, santiagocentro.gal.
Os Premios do Comercio Galego 2019 distinguen os establecementos a nivel provincial e autonómico que na súa xestión comercial executan accións innovadoras que comporten unha clara diferenciación e unha mellora na fidelización e a personalización do servizo e do produto. Para iso, valórase a transformación dixital, os servizos engadidos á propia oferta comercial, accións promocionais especiais e utilización de ferramentas tales como a web e as redes sociais como canles de comunicación e venda e a integración entre as canles on line e off line. Na gala entregáronse tamén o Premio Comercio de Galicia, que recaeu en Lolita Moda; e os Priemos Comercio Galego ás mellores tendas da provincia de Lugo (Albo Zapaterías), Ourense (4Elementos) e Pontevedra (Mekkdes).