Case un cento de comercios do Ensanche compostelán reparten este Nadal agasallos a través da campaña de boletos con premio directo impulsada por Santiago Centro, Área Comercial. Desde hoxe e ata o próximo 5 de xaneiro, os establecementos adheridos distribúen máis de 500 premios, achegados polos propios negocios, pola Fundación Santiago Centro e polas galerías de arte que participan na mostra de arte contemporánea en escaparates Pasearte, nun esforzo para promover a fidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector.

Os agasallos que se poden atopar nos boletos van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; tablets e lápices de memoria USB; mochilas; zapatos; pequenos electrodomésticos; prendas de moda; cursos personalizados de inglés ou de golf; vales para ximnasio e spa; complementos; artigos deportivos; reloxos; bonos de desparasitación para mascotas; obras de arte das galerías que participan en Pasearte; cestas de Nadal; convites para almorzar no Ensanche e mesmo un vale de 1.000 € achegado por Santiago Centro para gastar en obras artísticas das galerías Metro, Trinta, Luisa Pita ou Nordés.

A campaña permanecerá vixente ata o día 5 de xaneiro e o seu funcionamento é moi sinxelo: os establecementos entregan aos clientes un boleto que, ao abrirse, indica se está premiado e onde se pode conseguir o agasallo, sen sorteos e de forma inmediata.

Santiago Centro conta nesta iniciativa co apoio do Concello de Santiago, da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia. Trátase de apoiar ás empresas no desenvolvemento da súa actividade nunha época clave do ano como é o Nadal, reforzando a zona moderna de Compostela como área principal de compras da cidade.

ACTIVIDADES FAMILIARES

Coma cada ano, os clientes das tendas de produtos infantís do Centro Comercial Aberto do Ensanche terán á súa disposición a carta para enviar aos Reis Mago. Ademais, Santiago Centro organiza talleres familiares dentro da programación de Pasearte. As prazas son limitadas, polo que se prega inscribirse no teléfono 981 543 001.