Preto dun cento de establecementos distribúen regalos ata o día 5 de xaneiro
Entre os premios hai tablets, pequenos electrodomésticos, descontos, moda e complementos, artigos de beleza e para mascotas e vales de compra de 20€ en comercios do Centro Comercial Aberto do Ensanche
Case un cento de comercios do Ensanche compostelán reparten este Nadal agasallos a través da campaña de boletos con premio directo impulsada por Santiago Centro, Área Comercial. Desde hoxe e ata o próximo 5 de xaneiro, os establecementos adheridos distribúen 1.500 premios, achegados polos propios negocios e pola Fundación Santiago Centro, nun esforzo para promover a fidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector.
Os agasallos que se poden atopar nos boletos van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; tablets e lápices de memoria USB; mochilas; zapatos; pequenos electrodomésticos; prendas de moda; cursos personalizados de inglés; complementos; artigos deportivos; reloxos; bonos de desparasitación para mascotas; cestas de Nadal; e vales de compra de 20€ para gastar nos establecementos asociados a Santiago Centro.
A campaña permanecerá vixente ata o día 5 de xaneiro e o seu funcionamento é moi sinxelo: os establecementos entregan aos clientes un boleto que, ao abrirse, indica se está premiado e onde se pode conseguir o agasallo, sen sorteos e de forma inmediata.
Santiago Centro conta nesta iniciativa co apoio do Concello de Santiago, da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia. Trátase de apoiar ás empresas no desenvolvemento da súa actividade nunha época clave do ano como é o Nadal, reforzando a zona moderna de Compostela como área principal de compras da cidade.