O Centro Comercial Aberto do Ensanche compostelán agasallou con 10€ de saldo aos 200 primeiros rexistros, que se acadaron nunha semana 

O importe do premio pode gastarse ata o 31 deste mes de outubro 

Nunha semana a asociación de comerciantes do Ensanche, Santiago Centro, conseguía chegar ás 200 altas na súa app Santiago Centro Vip, nunha aposta por achegarse ao público a través das novas tecnoloxías. A entidade lanzaba o pasado 21 de setembro unha campaña de benvida (coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago) cun agasallo de 10€ de saldo por rexistrarse nesta aplicación de fidelización para as duascentas primeiras persoas en completar a inscrición. O día 31 de outubro é a data límite para as persoas que lograron facerse co premio para canxear a cantidade nos establecementos adheridos a esta app, e que poden consultar a través da mesma. 

Dende Santiago Centro anímase á clientela a seguir descargando a aplicación, dispoñible para Android e iOS, e a cubrir o formulario de alta, para poder gozar das vantaxes que ofrece. A través de Santiago Centro Vip pódense acumular distintos descontos polas compras realizadas nos comercios rexistrados e participar nas vindeiras promocións e iniciativas que a Asociación porá en marcha. 

Na propia interfaz, cada persoa pode consultar as distintas ofertas que propón cada establecemento cunha ampla variedade de áreas como a moda e os complementos; saúde e benestar;  tecnoloxía e fogar; ou deportes, ocio e cultura. 

A web de www.santiagocentro.gal ofrece información máis detallada sobre a posta en marcha desta app e, ademais, a clientela pode consultar todo o referente a ela no seu comercio de confianza.