Os locais de hostalería do Ensanche de Santiago converteranse entre os días 20 e 28 de maio nun gran escaparate da gastronomía ecolóxica galega coa celebración da segunda Ruta EcoGastro de petiscos elaborados con produtos ecolóxicos certificados. A Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA, e a Fundación Santiago Centro, Área Comercial, organizan esta cita en colaboración coa Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago e Comarca como forma de mostrar ao público as posibilidades gastronómicas dos alimentos máis saudables.
Os bares e restaurantes participantes nesta Ruta EcoGastro elaborarán tapas, racións e pratos con prezos arredor dos 3, 9 e 12 euros, respectivamente. As propostas culinarias estarán elaboradas con alimentos certificados polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) ou equivalentes noutras comunidades.
A inscrición para locais de hostalería interesados atópase aberta. Para máis información, poden dirixirse ao mail info@compostelaeco.com. A organización facilitará aos establecementos participantes dun listado de provedores nos que facerse cos ingredientes necesarios.
A Ruta EcoGastro coincidirá no seu tramo final coa segunda edición de Compostela ECO, o Mercado Ecolóxico que se celebrará de novo na Praza Roxa de Santiago de Compostela entre os días 25 e 28, dedicado a este tipo de produtos. Esta cita está dirixida exclusivamente a produtores con certificación, sexan de horta fresca, tendas ou elaboradores, transformadores ou envasadores.