A Fundación Santiago Centro, Área Comercial volveu a sacar a moda á rúa cunha montaxe espectacular na Praza Roxa, Moda a Pé de Rúa, na que as últimas tendencias da temporada outono/inverno se amosaron nunha pasarela de 20 metros de longo, 0,70 metros de alto e 2 metros de ancho. O Centro Comercial Aberto do Ensanche pretende deste xeito promocionar ao comercio asociado, ao mesmo tempo que “aporta ao Ensanche elementos de dinamización de rúas e prazas”, segundo explicou José María Fernández, presidente do padroado da fundación organizadora.

Fernández destacou tamén que se trata “dunha actividade aberta a todo o mundo, de balde e coa que agardamos que disfruten todos os composteláns, ao tempo que comproban –engadiu- que nas tendas de Santiago Centro se poden conseguir moda e complementos para todos os gustos, tendencias e prezos, e sen moverse do centro da cidade”. Como novidades nesta edición do certame, a terceira, destacaron o elevado número de nenos e a presenza de moda de tallas grandes.

Noticia en La Región