A Fundación Santiago Centro, Área Comercial, organiza os días 18 a 20 de novembro o Outlet Santiago Centro, que reunirá na Cidade da Cultura de Galicia a un amplo grupo de establecementos comerciais do Ensanche compostelán, dos sectores máis variados, ademais dos principais concesionarios de coches da cidade. O evento inclúe a realización de accións para dar visibilidade a tres ONGs que traballan en Santiago e Galicia, Down Compostela, Asanog e a sección galega da Asociación Alfa 1 España.

O presidente da Fundación, José María Fernández; e o secretario, Delmiro Prieto, presentaron hoxe en rolda de prensa o Outlet, un escaparate da variedade da oferta comercial do Ensanche. Nesta primeira edición participan os establecementos El Nonno, Cultura Urbana, Dana, Calzados Pachi, Noa Hogar, Las Cosas de Mamá Lara, Dulce Calvo, Actuality, Kids&Us, Patucos, Teté Niños, Sarto e Joyería Jael, unha selección de firmas de moda, calzado, decoración e téxtil do fogar, regalo, complementos, xoiería, reloxería, cosmética e decoración de Nadal. No exterior da Cidade da Cultura, o Outlet contará cos principais concesionarios e empresas de venda de vehículos novos e usados. Participarán o Grupo Brea (SEAT Brea Motor, Skoda Brea Automoción, Fiat BreaCar e Fiat Profesional); Grupo Breogán Auto Ocasión; Nissan – Renault Grupo Caeiro; Grupo Compostela (Toyota Compostela Móvil e Seat Compostela Motor); e Multiauto Auto Ocasión.

Esta é unha iniciativa de con acento solidario, pois implícase tamén no importante labor social que
desenvolven as tres ONGs coas que se colabora, ofrecéndolles un espazo no que dar a coñecer os seus programas. As empresas involucradas cederanlles parte dos seus ingresos no Outlet.
Durante o Outlet Santiago Centro desenvolverase tamén a campaña “200 billóns de estrelas nun firmamento solidario”. Nenos e adultos que o desexen poden colaborar participando nun obradoiro de creación de estrelas que funcionará durante todo o horario de apertura do Outlet, atendido por voluntarios. Quen o desexe pode colgar as estrelas nun firmamento solidario por cun custe simbólico de 1€ que se destinará enteiramente a financiar os proxectos de Down Compostela, Asanog e a sección galega de Alfa 1 España.

O evento contará tamén con actividades creativas e culturais destinadas a público infantil. O sábado ás 12 levarase a cabo un taller de cociña en inglés; e tanto o sábado coma o domingo, ás 18.30, representarase unha obra teatral en inglés con acceso libre e gratuíto. As actividades infantís están coordinadas polo centro de ensino compostelán Kids&Us.

A entrada é gratuíta. A organización proporciona autobús gratuíto desde o centro da cidade, con saídas desde a rúa da Rosa ás horas en punto e regreso desde a Cidade da Cultura ás medias horas.