Un comercio humano, próximo, co que os clientes poidan sentirse identificados. Este é o ideal co que chega ao Ensanche de Compostela a tenda de electrodomésticos Tien21, parte dun grupo empresarial familiar con orixe en Mesía e en Ordes e con gran vinculación con Compostela.

“A razón principal do noso desembarco no centro de Santiago non é outra que a confianza no comercio de proximidade”, explica o seu xerente, Miguel Lago. Nos últimos meses comprobou en primeira persoa “que a xente botaba en falta tendas míticas do centro que duraron máis de 100 anos, como é o caso de Daviña, moi querida polos composteláns. O centro precisaba dun comercio de calidade e era moitísima a xente que nos paraba pola rúa animándonos a dar o paso, porque sentían un gran baleiro, clientes que se tiñan que desprazar aos centros comerciais para facer as súas compras”.

A aposta de Tien21 parte dunha base sólida. O grupo Ramón García, ao que pertence, conta cunha fábrica de carpintería en Mesía e unha nave de administración e loxística de 10.000 en Ordes, e proporciona case 300 empregos directos. “Temos presenza no mundo enteiro”, conta Miguel Lago, tanto coa súa liña de negocio baseada na carpintería en xeral e a fabricación de mobles de cociña coma na de electrodomésticos coa marca Tien21, as dúas presentes na tenda de Montero Ríos.

Pero o fundamental, di, é o trato: “Queremos facerlles ver aos clientes de Santiago que dende o momento no que entran pola porta van a estar atendidos por xente con moita experiencia, sen o trato frío que poden recibir nun centro comercial. Os protagonistas son eles”, afirma.

A clientela compostelá responde ben á súa proposta especializada, que vai desde a primeira consulta en tenda ata a instalación gratuíta dos aparatos no domicilio do comprador: “Son moitas as mostras de cariño por parte da xente dende a nosa apertura. Estamos moi satisfeitos co recibimento e queremos agradecerllo aos nosos clientes sendo cada día mais profesionais”.

Porque para Lago hai unha cousa especial no Ensanche de Santiago: “Sen dúbida, o que nos gusta máis do centro é a súa xente”.